O PSOE denuncia o "vergoñento" reparto da Xunta aos concellos con material caducado ou inservible
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Os socialistas son moi críticos co reparto do material de protección contra o coronavirus que a Xunta de Galicia está a repartir entre os concellos da provincia de Pontevedra. Consideran que este envío, realizado nas últimas horas, é "ridículo, vergoñoso e insultante".
Varios dos municipios que xa recibiron este material, entre eles O Grove ou Ponte Caldelas, están a denunciar, segundo o PSOE pontevedrés, que o "paquetiño" que recolleron contén material obsoleto, de pésima calidade e mesmo inservible.
Entre outras deficiencias, aseguran que hai máscaras que veñen rotas, outras están caducadas desde 2015 ou que hai luvas que non son estériles e que só se usan nos salóns de peitado.
"É unha auténtica tomadura de pelo nunhas circunstancias tan dramáticas como as que estamos a vivir nesta pandemia e nas que, unha vez máis, os concellos se están a converter na primeira liña de batalla", subliñan os socialistas de Pontevedra.
O Grove, por exemplo, recibiu 80 máscaras e 450 luvas e Ponte Caldelas, 50 máscaras e dúas caixas domésticas de luvas, un material que ademais de estar en mal estado é "insuficiente" para as súas necesidades.
Moitos alcaldes e alcaldesas, segundo o PSOE, insisten en que para o que mandaron "case era mellor que non mandaran nada porque hai cousas que hai que tirar directamente ao lixo e o pouco que vale dá para un día ou dous".
De feito, moitos dos concellos xa teñen adquirido ou conseguido material pola súa conta en mellores condicións e, sobre todo, en moita máis cantidade.
O malestar agrávase polo feito de que os concellos de toda a provincia tiveron que recoller o paquete nas delegacións de Pontevedra e Vigo e asinar un acta de recepción e os municipios cuestionan mesmo que "merecera a pena o gasto en combustible".
A este respecto, os socialistas de Pontevedra apelan á "cooperación leal" da Xunta cos concellos e piden que o goberno galego aprobe unha orde de axudas económicas "imparciais e obxectivas" para todos os concellos da provincia.
O PP LAMENTA A CONFRONTACIÓN POLÍTICA DO PSOE
A este respecto, o deputado autonómico do PP por Pontevedra, Alberto Pazos, lamenta que os socialistas aposten pola confrontación política "ata nas peores circunstancias", cando o que os cidadáns agardan dos partidos, engaden "é que rememos xuntos e traballemos unidos".
Pazos considera que é "lamentable" que o PSOE "non esperase nin un día para saír a queixarse" do reparto de material, cando a Xunta "é a única administración" que está colaborando cos concellos no envío de material sanitario.
O deputado popular recorda que a Xunta está sufrindo escaseza de material, común ao resto de España, e asegura que este é só o primeiro día de envío, que se manterá ao longo das próximas semanas cos concellos, "a menos que algún deles renuncie a recibir o material".
O PP apunta que neste primeiro envío distribuíronse preto de 16.000 máscaras e 200.000 guantes, material que conseguiron as delegacións da Xunta a través de doazóns, do contacto con empresas e provedores e incluso dos propios centros de ensino.
"Xa o colmo é que critiquen e cuestionen a calidade das máscaras que moitas persoas están facendo de xeito totalmente voluntario", subliña Alberto Pazos, que pide aos socialistas que teñan "altura política" ante esta crise sanitaria.