A corentena colleunos de viaxe
Por Manu Otero
As medidas adoptadas polo Goberno para frear a expansión do coronavirus colleu por sorpresa a boa parte da poboación. Moitos se viron obrigados a cancelar viaxes, pero outros se atopaban xa nos seus destinos de vacacións cando estalou a crise e tiveron que improvisar no medio dun clima de incerteza e medo para regresar aos seus fogares.
"Máis que vacacións foi un abafo", recoñece Álvaro Ibaibarriaga, propietario da popular taberna pontevedresa PintxoViño, ao que o estado de alarma pillouno de viaxe coa súa parella en México.
Non foron os únicos que se viron nestas circunstancias. Un grupo de cinco sanxenxinos que se desprazou a Melbourne para visitar a uns amigos e realizar un circuíto por todo o país tamén viron trastornados os seus plans pola crise sanitaria. Decatáronse da gravidade do problema xa no seu destino e para regresar ás súas casas viviron unha auténtica odisea con longas escalas en aeroportos, desprazamentos imprevistos en tren e momentos de angustia ata que lograron chegar aos seus fogares sans e salvos.
No caso do hostaleiro pontevedrés, os prexuízos afectaron tamén á súa actividade económica. "Eu íame a quedar unha semana máis porque teño un negocio de viños. Ía facer un roteiro por Riviera Maya, Monterrey e outras zonas de Mexico pero xa me chamou o importador para dicirme que se estaban anulando reunións, así que decidín volverme o mesmo día que os meus familiares", explica Ibaibarriaga.
Aterraron no destino turístico o 9 de marzo e dez días despois comezou o confinamento da poboación en España. "En México xa comezaban a estar nerviosos e a ocupación nos hoteis empezaba a baixar xa. Pasaron dun 90% a un 40%, salienta o empresario alavés asentado en Pontevedra
A pesar das preocupantes noticias que recibián do outro lado do Atlántico, "non tiñamos medo porque se se pechaba o tráfico aéreo dicíannos que nos ían a repatriar e ao estar lonxe tampouco sabiamos todo o que estaba a pasar en España, por iso estabamos máis tranquilos", engade Álvaro.
Aínda que ao país azteca aínda non chegara aínda o virus, si que lle chamou a atención a presenza de xel desinfectante "en todas partes. Dixéronnos que é unha medida que tomaron desde o 2009, cando lles afectou tamén unha epidemia doutro virus", puntualiza. Non había casos, pero o medo empezaba a estenderse e a compra de máscaras e xel para lavarse as mans empezaba a complicarse. "Non tivemos ningún problema, pero cando vían que eramos españois botábanse un pouquiño para atrás", recoñece o hostaleiro.
Unha vez que conseguiron abandonar o país, despois de comprar un novo billete de avión cuxo importe reembolsoulle Iberia ("dentro do que cabe, tiven sorte", confesa Álvaro), e pisar chan español producíronse os momentos de maior tensión.
"Marta (a súa parella), o seu irmán e a súa cuñada volveron en avión para Pontevedra, pero eu tiña que ir a Álava para estar coa miña familia. En Madrid era imposible alugar un coche e tiven que ir ata Atocha onde conseguín arrendar unha furgoneta para ir ata casa", detalla Álvaro impresionado polo panorama que se atopou na capital do país tras aterrar en Barajas.
Agora xa na súa casa continúa traballando a distancia, xa empezara a facelo desde o complexo hoteleiro da Riviera Maya no que pasou unhas vacacións inesquecibles, con asesores e provedores para preparar o regreso á normalidade. "Esa é outra, cando pase todo isto a ver como podemos abrir, igual impóñennos unha redución de aforo ou algo", anticipa o dono dunha das tabernas máis populares da Praza da Verdura.
O grupo de amigos de Sanxenxo volveu tamén á súa rutina habitual. Entre eles atopábase unha médica que traballa nun hospital madrileño que, ante a extrema gravidade da situación, decidiu interromper as súas vacacións para axudar aos seus colegas; tamén un edil do goberno local sanxenxino incorporouse xa ao gabinete de crise para contribuír desde o departamento de obras e servizos á xestión da alerta sanitaria no seu municipio.