O Concello de Marín recibe doazóns de material, ferramentas e man de obra para desinfectar as rúas
Por Redacción
A loita contra o coronavirus é cousa de todos e as mostras de solidariedade non deixan de reproducirse en todos os recunchos da área de Pontevedra. O último episodio tivo lugar en Marín, onde acaban de recibir por parte de Elnosa a doazón de 1.400 litros de hipoclorito e varias pantallas de seguridade para desinfectar espazos públicos e facelo en condicións de máxima seguridade.
Non foi a única entrega que chegou a mans do goberno local recentemente. Agrícola Marín entregou tamén este xoves nas dependencias da Policía Local unha sulfatadora eléctrica para esparexer desinfectante. Tamén Adega Ardán está a colaborar por iniciativa propia pero en coordinación co Concello na desinfección e limpeza de diversos puntos da parroquia.
#Ante esta avalancha de axuda desinteresada, a alcaldesa María Ramallo quixo agradecer todas estas mostras de solidariedade e explicou que estas tarefas son moi importantes para manter en perfecto estado as rúas da vila co obxectivo de evitar que se produzan novos contagios co movemento daquelas persoas ás que se lles permite saír a pesar do Estado de Alarma.