Poio suspende pagos tributarios para paliar o impacto económico do coronavirus
Por Redacción
O goberno municipal de Poio vén de decidir suspender o período de pago de varias taxas e tributos que dependen do Concello, co obxectivo de paliar na medida do posible o impacto que está tendo na economía a situación xerada pola pandemia do coronavirus.
Así, proporán aprazar o pago da viñeta, previsto inicialmente para o prazo comprendido entre o 8 de abril e o 8 de xuño. Esta suspensión temporal tamén afecta a outras taxas que se recadan a través do ORAL, a raíz dunha resolución da Deputación de Pontevedra, como por exemplo o IAE ou o IBI.
O Concello confirmou ademais que, no caso das taxas de venda ambulante e de ocupación de vía pública, procederase á devolución da parte proporcional correspondente ao tempo durante o cal non se poida realizar a actividade, como consecuencia do estado de alarma.
Esta medida vai dirixida fundamentalmente a aqueles establecementos de restauración que contan con terrazas e para os comerciantes do mercado de Combarro.
Quedan tamén suspendidas as taxas do cemiterio e dos vaos, pendente de comprobación das datas de pagamento en período voluntario.
Con respecto aos recibos de servizos como o abastecemento de auga, saneamento e recollida de lixo, suspéndese temporalmente, mentres teña vixencia o estado de alarma, o abono correspondente ao segundo bimestre do ano (marzo e abril).
O goberno local acordou tamén descontar na cota de inscrición da próxima temporada de deporte base a parte proporcional ao período que non se puido exercer a actividade fixada, sen que isto supoña un prexuízo para os clubs.
Neste aspecto, tamén existe o compromiso de devolver ou compensar as taxas correspondentes ás cotas do mes de marzo do ximnasio ou de diferentes actividades desenvolvidas por departamentos como Igualdade ou Benestar Social.
Outra medida que se inclúe neste paquete de actuacións ten que ver cos contratos de aluguer de espazos municipais, sobre os que tamén se aplicará unha devolución da parte proporcional correspondente ao período no que non se poden utilizar estas dependencias.
No apartado de emerxencia social, Poio achegará unha partida de 12.000 euros, que servirán para axudar a aquelas familias en situación de risco.
O equipo liderado por Luciano Sobral tamén traballa na posta en funcionamento de fórmulas que garantan axilidade á hora de facer fronte a pagamentos a provedores e de facturas. Para iso, procederase á aprobación destes pagos a través do recoñecemento extraxudicial dos abonos pendentes.
O alcalde entende que todas estas medidas deben servir para axudar á veciñanza, "que continúa cun comportamento exemplar e digno de eloxio ante a situación actual". Estas propostas pasaron pola análise dos departamentos de Intervención e Tesourería, "algo imprescindible para poder actuar axeitadamente", engadiu.
Relacionadas:
-
Activan unha consulta pública en Poio para avanzar na ordenanza de ocupación de espazos públicos
Por Redacción |
-
O Concello de Poio lembra á veciñanza que pode aprazar o pago dos recibos do lixo e da auga
Por Oskar Viéitez |
-
Combarro recupera o mercado ambulante sen incidencias
Por Redacción |
-
Vendedores do mercado ambulante de Combarro, obrigados a usar máscaras de protección e luvas
Por Redacción |
-
O PP solicita a suspensión das taxas polo uso das instalacións municipais deportivas ata fin de ano
Por Redacción |
-
Poio facilitará axuda psicolóxica para adaptarse ao confinamento
Por Redacción |
-
Poio solicita á Xunta e ao Goberno central que habiliten liñas de axuda para as confrarías
Por Oskar Viéitez |
-
Intensifican a desinfección nas residencias de maiores
Por Oskar Viéitez |
-
Poio crea unha bolsa de voluntarios aos que mobilizar en caso de emerxencia polo coronavirus
Por Redacción |