Un rastro de panos morados para dar acubillo a vítimas de violencia machista: #MiCasaEsTuCasa
Por Natalia Puga
Nestes tempos nos que as recomendacións sanitarias animan a quedarse na casa e o estado de alarma restrinxe os movementos, as administracións e colectivos feministas están a extremar a vixilancia para evitar que as mulleres sufran casos de violencia de xénero, un delito habitualmente cometido na intimidade que, co confinamento, podería aumentar e, ademais, dificultar ás vítimas pedir axuda. Unha desas últimas iniciativas, que xa empezou a ter adeptos en Pontevedra, anima a colocar en xanelas, portas, balcóns ou telefonillos algunha peza morada, para que as vítimas saiban que, nesa casa, poderán recibir axuda.
"Non estás soa. Se o necesitas… toca a miña porta", é a mensaxe que pretenden trasladar as persoas que impulsaron esta iniciativa, que se está difundindo nas redes sociais usando os hashtag #MiCasaEsTuCasa, #NoTeQuedesenCasa ou o xa moi estendido #MachismoMata. O obxectivo final, tecer unha Rede que sirva de acubillo ás vítimas.
Para facer rede, fan falta tres pasos. O primeiro, identificar a casa da persoa que queira axudar con algo violeta, canto máis visible, mellor. O segundo, permanecer en corentena sempre atenta. O terceiro, dar difusión a esta iniciativa para que a rede expándase e no caso de que unha muller sufra calquera abuso ou malos tratos, saiba que pode recorrer a esas casas marcadas para que lles presten axuda.
Na comarca de Pontevedra xa hai persoas que se sumaron a esta iniciativa. Unha delas está situada no barrio da Caeira, en Poio, e a súa moradora, activista no movemento feminista. pontevedrés, quixo sinalala instalando un pano morado na xanela.
Segundo explica, decidiu entrar a formar parte desta Rede Morada porque é consciente de que hai xa moitas iniciativas e recursos impulsadas por distintas administracións, pero tamén sabe que "hai moitas persoas que non poden chamar a ese teléfono porque están vixiadas en todo momento".
Como unha forma de axudalas, optaron por colocar esa "especie de distintivo" en xanelas, portas ou no telefonillo para que "se unha muller sente en perigo, chame libremente á nosa porta".
"Prefiero poner un colchón en el suelo de mi salón aunque estemos apretados y evitar que una mujer pueda resultar herida en estos días. Y, como yo, todas", explica, consciente de que nestes días o perigo é maior para moitas mulleres porque, por exemplo, tiveron que pecharse moitas casas de acollida.
Relacionadas:
-
Detidos dous homes en Pontevedra por senllos episodios de violencia machista
Por Redacción |
-
O CIM segue atendendo por teléfono todas as citas e xestións das súas usuarias
Por Redacción |
-
Atención os sete días da semana no CIM de Poio para as vítimas de violencia machista
Por Redacción |
-
Como actuar en caso de producirse situacións de violencia de xénero durante o confinamento?
Por Redacción |