Bueu suspende o pago de varios impostos ata novo aviso
Por Redacción
O Concello de Bueu decidiu ampliar o prazo de pagamento do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), coñecido como ‘rodaxe’, e suspender ata novo aviso varios impostos máis para axudar á cidadanía a sobrelevar mellor os efectos da alerta sanitaria do coronavirus.
Así, o pago da taxa do servizo municipal de augas, que estaba previsto para finais de marzo, queda suspendido ata que finalice o actual estado de alarma. O mesmo pasará coa taxa polo mercado ambulante, e, neste caso concreto, as vendedoras e vendedores non terán que pagar polos mercados que non se celebraron, tanto do primeiro trimestre como do segundo.
En xeral, quedan paralizados o resto de padróns municipais e o Concello reforzará as axudas destinadas a mitigar os efectos económicos negativos ás persoas máis vulnerables, a través da ampliación dos programas de emerxencia social.
No caso do IVTM, vaise poder aboar ata o 27 de maio, é dicir, un mes máis do prazo establecido. O alcalde, Félix Juncal, explicou que os recibos xa se enviaran aos contribuíntes antes o inicio da alerta sanitaria, pero as persoas que teñan complicacións económicas poderán solicitar un novo recibo na Oficina de Xestión Tributaria para aboar no novo prazo e sen ningún tipo de recargo.
Félix Juncal e Julio Villanueva, vicealcalde e encargado da área de facenda, mantiveron este venres unha xuntanza cos servizos técnicos da área económica do Concello, intervención e tesourería, para ultimar as medidas que se van poñer en marcha de forma inminente para intentar frear os efectos negativos da crise sanitaria do coronavirus.
O goberno local continúa estudando e analizando a situación e non se descarta que no futuro poidan habilitarse outras medidas económicas e sociais.
Relacionadas:
-
Protección Civil de Bueu fai un chamamento para a doazón de máscaras de Decathlon
Por María José Pita |
-
O sector do mar, en xaque polo coronavirus: "Os prezos son horribles. É unha barbaridade"
Por Alejandro Espiño |
-
VIDEO.- Máquinas de coser solidarias en Bueu para facilitar máscaras
Por Redacción |
-
Confinados en Ons: "Cando levas illado toda a túa vida xa te afás. O noso é unha corentena constante"
Por Alejandro Espiño |
-
Os concellos tratan de blindarse ante a expansión do coronavirus en Galicia
Por Alejandro Espiño |