Trinta novos positivos por coronavirus na área sanitaria, que acumula 290, 93 hospitalizados
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés sumou na última xornada 30 novos casos actvos de coronavirus, un incremento que eleva a 290 o total de positivos confirmados desde o inicio da alerta sanitaria.
Segundo a actualización de datos deste sábado, nos hospitais da área sanitaria hai un total de 93 persoas ingresadas con esta enfermidade, nove máis que un día antes. Este venres había 260 casos activos, 84 deles hospitalizados.
En total, dos 93 hospitalizados, 81 están ingresados e illados en planta e 12 son pacientes que están na UCI. O número total de pacientes graves na Unidade de Coidados Intensivos é o mesmo que un día antes.
Dos ingresados en planta, nove permanecen no Hospital do Salnés, un no hospital Quirón Domínguez de Pontevedra e o resto en Montecelo. O resto de positivos, un total de 197 persoas están nos seus domicilios.
Ata o de agora rexistrouse na área sanitaira seis vítimas mortais por coronavirus e xa se curaron tres pacientes que foron casos confirmados e agora están de alta médica tras dar negativo ao repetir as probas de coronavirus. Ningunha destas altas foi nas últimas 24 horas.
Segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 2.627, deles 597 son da área da Coruña, 219 da de Lugo, 371 da de Ourense, 633 da área de Vigo, 454 da de Santiago, e 63 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 110 permanecen en UCI, 652 están en unidades de hospitalización e 1.865 no domicilio. Por agora, en Galicia rexistráronse 95 altas de pacientes e 50 falecementos.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
O Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Relacionadas:
-
Os casos activos de coronavirus na área sanitaria ascenden ata os 348
Por Diego Espiño |
-
A área sanitaria multiplica as altas por coronavirus, con 12 nas últimas 24 horas
Por Diego Espiño |
-
Día complicado na área sanitaria, con 38 novos casos activos por coronavirus nunha xornada
Por Natalia Puga |
-
A área sanitaria chega aos 222 positivos por coronavirus e rexistra un novo falecemento e un paciente de alta
Por Natalia Puga |