Deteñen en Bueu unha parella que roubara un coche no Vao
Por Redacción
A Garda Civil detivo no municipio de Bueu a unha parella que circulaba cun coche que subtraeran momentos antes no poboado de O Vao, en Poio.
Segundo informa a Benemérita, os feitos remóntanse ao pasado mércores 25 de marzo, cando unha patrulla de seguridade cidadá do Posto da Garda Civil de Pontevedra recibiu a alerta da subtracción dun vehículo que estaba estacionado no Vao de Arriba.
Pouco despois, en apenas unha hora, nun control de estrada habilitado na rotonda de Ardán-Marín, no quilómetro 13 da variante marinense, os axentes tentaron dar o alto a un turismo que se deu á fuga desobedecendo os sinais.
Co apoio doutras patrullas, entre elas do Seprona, conseguiron interceptar o vehículo na estrada PO-551 entre Marín e Bueu.
Unha vez neutralizado o coche, os seus dous ocupantes foron identificados e detidos como supostos autores de senllos delitos de furto de vehículo de motor e desobediencia aos axentes da autoridade. Ademais ao condutor atribúselle a comisión doutro delito contra a seguridade viaria por carecer de permiso de condución por perda total de puntos. Tratábase e un home de 36 anos, veciño de Vigo, e unha muller de 32 anos, veciña de Moaña.
Segundo informa a Garda Civil, dáse a circunstancia de que o condutor fora denunciado ata en catro ocasiones durante os últimos días tras ser identificado no mesmo poboado do Vao contravindo sen xustificación as medidas de restrición do estado de alarma.
Os detidos quedaron en libertad con cargos tras entregarse as dilixencias no Xulgado de Instrución de Garda de Pontevedra.