Sairemos ao balcón para aplaudir, pero co abrigo posto
Por Oskar Viéitez
A partir deste luns Galicia recibe aire frío de orixe polar continental.
Segundo explican os técnicos de Meteogalicia, esta mása xélida fará descender as temperaturas de maneira notable, mesmo con neve en puntos da provincia de Lugo por encima dos 600 metros. O vento forte de compoñente norte provocará que a sensación térmica sexa de máis frío.
O martes, sostén MeteoGalicia, continuaremos no "corredor de isóbaras", formado entre as altas presións situadas ao oeste de Irlanda e as baixas presións no sur da península, con circulación do nordés intensa. Esta situación traeranos unha xornada de ceos pouco anubrados ao sur e con chuvascos ocasionais no terzo norte. Intensifícase o frío e os ventos soprarán fortes do nordés, baixando de intensidade cara á noite.
O mércores quedaremos na influencia dunha baixa centrada na península Ibérica co que aumentará a inestabilidade. Así, agárdase unha xornada de ceos anubrados con posibilidade de chuvias ocasionais. As temperaturas ascenderán, especialmente as máximas. Os ventos soprarán do nordés fortes, baixando de intensidade ao final do día.