Moraña suspende o pago de diversas taxas municipais
Por Redacción
Trala cancelación dun gran número de servizos públicos, o Concello de Moraña vén de aprobar a suspensión dos pagos de diversas taxas municipais por parte dos seus usuarios.
En cumprimento das medidas de prevención recollidas no Estado de Alarma pola crise sanitaria do coronavirus, veuse de cancelar a Escola Municipal de Música e o Plan Madruga. Ámbolos dous deixan en suspenso o pago de cadansúas taxas.
Así mesmo, o Concello tamén aprobou a exención fiscal completa dos abonos do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) a aqueles usuarios que veñen de renunciar ao mesmo, ben porque agora non o precisan por contar con familiares que poden atendelos ou ben por outras circunstancias.
O Concello de Moraña tamén decidiu o aprazamento do período voluntario de pago das taxas municipais de limpeza e recollida de lixo, auga e sumidoiros, así como do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), que son as que agora mesmo estaban en curso ou a piques de iniciarse. Esta decisión é tomada de acordo coas medidas adoptadas polo ORAL, o organismo da Deputación Provincial encargado da xestión da recadación. Trátase dunha medida con efectos inmediatos, aínda que é posible que nalgúns casos xa se lle cobrara algún destes tributos a certos contribuíntes, dependendo dos procesos de domiciliación bancaria aos que é alleo o Concello.
Unha vez rematado o Estado de Alarma, o Concello informa que se fará unha reelaboración completa do calendario fiscal municipal para o presente ano.
Ao respecto, a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, explicou que a fortaleza e a boa saúde das contas municipais "permite adiar sen problemas estes impostos, que no caso do lixo, a auga, os sumidoiros e os vehículos supoñen 231.000 euros este ano, o 25% da nosa recadación fiscal, sen que haxa nin un só prexuízo para os servizos públicos, que agora deben ser máis fortes ca nunca".