Protección Civil de Bueu fai un chamamento para a doazón de máscaras de Decathlon
Por María José Pita
Cada día, dous equipos de Protección Civil patrullan por quendas as rúas de Bueu para asegurarse de que todos os cidadáns están a cumprir coas obrigas do Estado de Alarma. É unha tarefa que realizan en apoio á Policía Local.
Os integrantes desta unidade do Morrazo quixeron dar un paso máis no seu labor. Este luns subían á súa páxina de facebook unha mensaxe na que facían un chamamento a aquelas persoas da zona que tivesen nas súas casas unha máscara de mergullo de Decathlon para facer "un arquivo das existencias e en caso de necesidade procederemos á súa recollida no seu domicilio", segundo se recollía na mensaxe na rede social. Para contactar, habilitaron o número de teléfono: 696 916 708.
Nas dúas primeiras horas desde a publicación da mensaxe recibiron 19 chamadas de particulares, que ofrecían entre unha e dúas máscaras. Nas próximas horas, esperan que clubs ou asociacións poidan unirse a esta iniciativa e así mobilizar un maior número de existencias.
A idea de usar a máscara de mergullo Easybreath de Decathlon como respirador para pacientes leves de coronavirus xorde dunha firma italiana de impresión en 3D, Isinnova. A empresa cedeu todos os dereitos e evita calquera tipo de lucro con este proxecto, do mesmo xeito que Decathlon, quen informa na súa web que as máscaras de mergullo e snorkel non están dispoñibles para a súa venda: "Bloqueamos a venda deste produto porque doamos todas as cantidades dispoñibles os hospitais para axudar nesta crise sanitaria".
De momento, este sistema está en fase de probas pero, se nalgún momento fose necesario utilizalo, desde Bueu a sanidade pública podería contar cunha boa remesa de máscaras grazas ao labor de Protección Civil e a colaboración cidadá.