Un hotel de Pontevedra, reservado para acoller a persoal sanitario que o precise
Por Redacción
A Xunta de Galicia ten reservados hoteis en cada unha das sete grandes cidades galegas, entre elas Pontevedra, para acoller a todo o persoal sanitario que o desexe.
Así o asegurou o vicepresidente do goberno galego, Alfonso Rueda, tras presidir a reunión do centro de coordinación cooperativa creado en Galicia ante a crise sanitaria do coronavirus.
Esta oferta, segundo a Xunta, poderá incrementarse no caso de que sexa necesario e forma das 4.000 prazas que coordina a administración autonómica para aloxar a traballadores de servizos esenciais e a persoas especialmente vulnerables.
Estas prazas hoteleiras diríxense a persoal sanitario ou de residencias, forzas e corpos de seguridade e outros profesionais cuxo labor é fundamental no estado de alarma, e que precisan desta solución "ben porque viven lonxe ou ben porque simplemente queren protexer ao máximo á súa familia e prefiren durmir fóra", segundo indicou Rueda.
As prazas tamén están destinadas a persoas doutros colectivos vulnerables como persoas en fogar, en risco de exclusión ou vítimas de violencia de xénero.
Todos os establecementos que están prestando servizo, máis de cen en toda Galicia, están a facelo, segundo agradeceu o vicepresidente, de xeito voluntario.
PLATAFORMA LOXÍSTICA
Nesta xuntanza informouse ademais do novo sistema de distribución de material sanitario que, a partir de agora, realizarase a través dunha plataforma loxística que evitará os desprazamentos de cada concello.
Cos novos lotes de materiais que se entregarán esta semana e os que se entregaron a semana pasada, o total distribuído a case a totalidade dos concellos sumará 122.000 máscaras, 25.000 traxes e 350.000 luvas, segundo informou Alfonso Rueda.
A través deste centro cooperativo, por outra banda, vaise a crear un comité de fabricación de equipamento sanitario, que se encargará de coordinar a posta a disposición da comunidade galega de equipos de protección individual, principalmente máscaras, batas ou luvas.
Entre outros asuntos, encargarase de identificar os estándares de calidade, promover reorientacións industriais e autorizar a fabricación.
A Xunta activará para iso unha liña de axudas para facilitar que as empresas leven a cabo as transformacións necesarias para abordar a fabricación inmediata de material de protección.
Relacionadas:
-
O Galicia Palace, o Room e o Campaniola, declarados aloxamentos de servizo esencial
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta descarta polo momento habilitar un hospital de campaña en Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
A Deputación, disposta a recibir directamente o material sanitario de Xunta e Estado para a súa distribución por municipios
Por Redacción | Creada e actualizada
-
"O loable é que a inmensa maioría da cidadanía está a cumprir rigorosamente as medidas de confinamento"
Por Natalia Puga |