Estudan a canle dos Gafos para deseñar xa propostas concretas para destapar o río
Por Redacción
O Concello segue adiante cun dos seus proxectos máis ambiciosos que, no departamento de Medio Natural, prevén executar durante este mandato: o destape e recuperación do río Gafos ao seu paso por Campolongo e a súa integración no barrio.
O estudo de viabilidade está xa na súa recta final e tras as primeiras análises, o goberno municipal contratou por 9.680 euros o levantamento topográfico dos terreos.
Esta peritaxe, que realizará a oficina técnica Alfonso Agra SL, permitirá incorporar información máis detallada sobre o contorno que formará parte do ámbito de actuación, así como das seccións da canle, o leito soterrado, a pendente e as zonas de entrada e saída do río no túnel que atravesa o parque de Campolongo, entre Alcalde Hevia e Xeneral Rubín.
O estudo topográfico farase nunha superficie total duns 500.000 metros cadrados e contempla a elaboración dun inventario dos diferentes obstáculos que na actualidade presenta a canle, tanto en anchura como en altura.
Este traballo permitirá aos equipos técnicos a selección de alternativas e propostas de actuación en torno a aspectos como a eliminación das canalizacións de augas residuais das marxes do leito ou as tipoloxías construtivas e de deseño máis axeitadas, para compatibilizar a restauración ambiental de toda a ribeira do río coa súa inserción na trama urbana da cidade.
O edil Iván Puentes, responsable da concellería de Desenvolvemento Sostible, explica que de cara a estas propostas vaise a ter "moi en consideración" aspectos como a accesibilidade dende as rúas adxacentes ou a posibilidade de creación de novas zonas verdes e lecer.
RISCOS DE INUNDACIÓN
Os primeiros labores para esta análise da viabilidade deste proxecto orientáronse a poñer de manifesto a perda de calidade medioambiental e urbana que o soterrado do río provocou ao longo destes anos.
Ademais, realizouse un estudo pluviométrico que permitiu definir as concas que achegan auga ao río, tanto as de regatos naturais como as do sistema municipal de augas pluviais que descargan no treito que se está analizando.
Deste xeito, sinala o edil socialista, xa se coñece o efecto das precipitacións no afluente do río, tanto para as situacións ordinarias como nas avenidas.
Estes datos teóricos sobre os diferentes niveis que alcanza o río dos Gafos fan posible coñecer as zonas con risco de inundación, o que, unha vez cotexado coas estatísticas históricas de choivas e con outras informacións dispoñibles, permitirá definir as condicións de deseño do nova canle restaurada coa mellor previsión fronte a posibles episodios de asolagamento.
Relacionadas:
-
O PP apoia o proxecto para destapar o tramo urbano do río Gafos: é unha "grandísima idea"
Por Natalia Puga |
-
Vaipolorío limpa as ramaxes atrancadas nos ollos de dúas pontes no Gafos
Por Redacción |
-
Un grupo de universitarios estuda a renaturalización do río Gafos ao seu paso por Campolongo
Por Oskar Viéitez |
-
Raíña Vitoria e todo o ámbito entre a Alameda e o Gafos, próximo obxectivo da reforma urbana
Por Alejandro Espiño |