Cerdedo-Cotobade activa, en colaboración coa comunidade educativa, un servizo de axuda escolar
Por Redacción
A comunidade educativa de Cerdedo-Cotobade, co impulso do Concello, ten activo xa un servizo municipal de axuda escolar para permitir que os cativos poidan seguir realizando as tarefas deseñadas polos centros durante estas semanas de confinamento.
Esta iniciativa desenvólvese en colaboración cos tres colexios públicos, o instituto e as ANPAS e oriéntase a aquelas familias que non teñen acceso a Internet ou impresoras nas súas casas.
As persoas interesadas en dispoñer das tarefas, deberes e outras actividades extraescolares deben poñerse en contacto co educador social ou co persoal municipal chamando aos teléfonos 986 760001 (Carballedo) ou 986 753006 (Cerdedo) ou a través do enderezo electrónico educador@cerdedo-cotobade.gal para encargar os materiais necesarios.
No eido educativo, o Concello tamén informa ás familias beneficiarias do comedor escolar que poden acollerse, ata o luns 6, das axudas da Xunta en compensación polo seu cese e que se orientan ás dos réximes gratuíto e semigratuíto.
Por outra banda, Cerdedo-Cotobade tamén ten en marcha o seu periódico programa de desinfección e limpeza de zonas comúns e de contedores de lixo, que se está a realizar manualmente ou cun tractor de grandes dimensións a través de Protección Civil.
No que vai de semana xa se actuou nas parroquias de Carballedo, Tenorio, Viascón e Cerdedo, alcanzando tamén a contorna de supermercados, tendas e farmacias e este mércores está previsto acometer a desinfección en San Xurxo de Sacos.
Protección Civil tamén ten activo o servizo de encargo e traslado de medicamentos a persoas maiores, con discapacidade, con mobilidade reducida ou familias vulnerables, que xa entregou varios pedidos nas dúas primeiras xornadas desta semana.
Este servizo realízase todos os días baixo demanda das persoas interesadas, que deben formalizar a súa solicitude telefonicamente en calquera das dúas sedes administrativas municipais.
Relacionadas:
-
Retoman a obra do centro sociocultural de Tenorio coa instalación da estrutura xeral
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade completa a repartición a domicilio de máscaras a todos os seus veciños
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade activa un protocolo de xestión sanitaria do lixo
Por Redacción |
-
O profesorado de Tenorio versiona a Estopa e Rozalén para animar á comunidade escolar
Por Redacción |
-
Comida e subministro domiciliario para 40 familias de Cerdedo-Cotobade durante o estado de alarma
Por Redacción |
-
Desinfectan varios puntos do municipio de Cerdedo-Cotobade
Por Sara Iglesias |