Non, Papá Noel non é servizo esencial en abril: a Policía Local de Marín denúnciao por incumprir o estado de alarma
Por Natalia Puga
As restricións do estado de alarma afectan por igual a todos os cidadáns e estes días tan só poden circular pola vía pública aqueles cidadáns que traballen en servizos esenciais ou acudan a adquirir produtos de primeira necesidade autorizados polo decreto do Goberno. Por se quedaba algunha dúbida, a pasada madrugada foi denunciado en Marín por incumprimento Papá Noel.
Dado que Papá Noel non adoita desprazarse por esta zona do mundo no mes de abril, queda moi claro que, en realidade, o que foi denunciado foi un imitador, pero, de todos os xeitos, a denuncia serve como exemplo de que a Policía Local de Marín cumpre de forma estrita coa normativa.
Unha patrulla interceptou pola vía pública a unha persoa disfrazada de Papa Noel sobre as 1.40 horas da madrugada. Levaba a vestimenta regulamentaria e procedía do piso duns amigos.
A Policía Local lembra que, á marxe do xocoso da noticia, esta conduta é unha irresponsabilidade dunha persoa e unha falta de respecto a aqueles que cumpren as medidas, de modo que esta persoa foi denunciada polo seu comportamento.
Este imitador de Papá Noel enfróntase agora a unha multa cuxa contía pode ir desde 600 a 30.000 euros.
A Policía Local lembra que nestas datas nin Papa Noel nin os Reis Magos poden permanecer na vía pública. O único que pode desprazarse por ter autorización durante todo o ano é o Ratiño Pérez, tomando as medidas preventivas e de hixiene adecuadas, xa que a caída de dentes dos nenos non entende de datas.