Que botas de menos do comercio local? Os centros comerciais abertos queren premiar a fidelidade da súa clientela
Por Diego Torrado & Redacción
A Asociación Galega de Xerentes de Centros Comerciais Abertos, da que forma parte o Centro Comercial Urbano Zona Monumental de Pontevedra, puxo en marcha unha campaña de promoción comercial que leva por título 'A morriña non ten brazos pero aperta o corazón'.
Con esta iniciativa quérese dar a coñecer a esta asociación á vez que se lembra á clientela que o comercio local está ao seu lado e continuará unha vez que se logre superar esta situación derivada do COVID-19.
A campaña manterase activa ata o 12 de abril e busca tamén premiar a fidelidade da clientela do comercio de proximidade, ofrecendo unha imaxe de unidade deste tecido económico.
Para participar na campaña é necesario acceder á conta de Facebook da asociación e buscar o post do concurso. Despois será necesario compartir ese post de maneira pública, facer un comentario indicando que é o que máis botan de menos do comercio local cun texto, cun debuxo, unha foto ou cun vídeo e indicar a localidade onde lles gustaría comprar no caso de gañar un de válelos compra.
O luns 13 de abril sortearanse 27 vales compra de 50 euros entre todas as persoas participantes, un por cada centro comercial aberto que forme parte desta campaña. Os vales poderanse gastar nos establecementos asociados.