Sorprendidos dentro dun bar en Ponte Caldelas sen respectar o peche e o confinamento polo coronavirus
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil sorprendeu a pasada fin de semana ao propietario dun bar de Ponte Caldelas cun cliente no interior do local, transgredindo as normas de peche e confinamento impostas polo Goberno pare evitar os contaxios do coronavirus.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, os feitos ocorrían a pasada fin de semana.
Efectivos da patrulla de seguridade cidadá da compañía da Garda Civil de Pontevedra decatáronse de que nunha céntrica rúa da localidade había un local que parecía ter algún cliente no interior, a pesar da prohibición de que os establecementos hostaleiros estean abertos.
Os efectivos da patrulla observaron que os cristais da fachada do bar estaban empapelados, pero ao entrar no local atopáronse cun cliente efectuando unha consumición na barra do bar.
Unha vez no interior puideron comprobar que a máquina expendedora de tabaco estaba acendida e o lavalouzas funcionando cunha carga de copas e vasos. Do mesmo xeito, previo requirimento que se lle fixo á propietaria do bar, púidose constar que había diñeiro na caixa rexistradora que podería evidenciar que xa foran atendidos outros clientes.
Tanto a propietaria do establecemento como o cliente que se atopaba en interior foron denunciados por vía administrativa ante a Subdelegación do Goberno na provincia de Pontevedra por transgredir as restricións impostas no real decreto polo que se declara o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.