Chega un tren de ciclóns subtropicais
Por Cristina Saiz
MeteoGalicia informa que este sábado Galicia quedará nunha zona de transición entre as altas presións en Centroeuropa e a borrasca situada no Atlántico que enviará unha fronte na madrugada do domingo, será a primeira dun tren de ciclóns subtropicais.
Polo tanto, o sábado comezaremos o día cos ceos despexados e co avance da xornada irán entrando nubes de tipo medio e alto. As temperaturas quedarán sen cambios ou con lixeiros ascensos. O vento soprará de compoñente sur, aumentando en intensidade durante o día, sendo xa forte pola noite no litoral atlántico e zonas altas.
O domingo Galicia quedará baixo a influencia dunha profunda borrasca situada ao oeste de Irlanda que enviará unha fronte fría. Os técnicos explican que esta é unha desas borrascas subtropicais que circulan máis ao sur do habitual e que vai ascendiendo ata situarse ao oeste de Irlanda. Será unha borrasca bastante profunda e Galicia percibirá os seus efectos con ventos e precipitacións.
Así, os ceos estarán anubrados con chuvias que chegarán a toda a Comunidade, máis persistentes na metade oeste. As temperaturas mínimas experimentarán un moderado ascenso, mesmo notable en zonas do interior mentres que as máximas descenderán entre lixeira e moderadamente. O vento soprará de compoñente sur, forte a primeiras horas e baixando en intensidade co avance do día.
Outro sistema de baixas presións fará o mesmo percorrido dende o trópico a partir do luns, polo que a vindeira semana prevese moi cambiante, xa que as baixas presións moveranse entre Azores e Irlanda, rozando Galicia, polo que a probabilidade de chuvia será algo máis alta no oeste e máis baixa no leste.
As temperaturas mínimas serán máis altas cás desta semana pero as máximas apenas chegarán ós 20º en xeral.