Os abolicionistas propoñen "expropiar" a praza de touros para usala na loita contra o coronavirus
Por Oskar Viéitez
A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas expuxo este venres a posibilidade de expropiar a praza de touros de Pontevedra para que forme parte do "equipamento público que se emprega na loita contra a pandemia de Covid-19 no conxunto de España".
Os abolicionistas citan o exemplo de Perú, onde os gobernos locais de Lima e Acho empregaron os recintos taurinos para instalar albergues temporais para proporcionar refuxio a persoas sen fogar, creando habitacións e servizos diversos no rodo con grandes carpas, mentres que en Pontevedra o coso permanece pechado como gran parte do ano.
Así, a plataforma defende a expropiación atendendo a razóns de "interese xeral", á alerta pola Covid-19 e "á necesidade que ten a comarca de grandes recintos capaces de albergar a creación de hospitais de campaña ou refuxios para persoas que conten con servizos básicos, como electricidade, auga ou a propia seguridade de ser espazos pechados".
Galicia, Mellor Sen Touradas sostén que "a infrautilización do coso de San Roque, en Pontevedra, multiplica as posibilidades de que a Xunta ou o Concello inicien este procedemento" e engaden que "se tome en conta tamén a compra forzosa da praza de touros como solución".
Ademais cren que superada esta pandemia a expropiación da praza de touros "podería culminar coa asunción para o patrimonio cidadán dun espazo que se pode transformar para múltiples actividades, desde equipamento comercial ata sanitario".
Relacionadas:
-
Os abolicionistas pedirán á Xunta denegue calquera permiso á feira taurina de Pontevedra
Por Redacción |
-
Os antitaurinos propoñen ao Concello que destine o diñeiro do aluguer do coso de San Roque a comprar máscaras
Por Oskar Viéitez |
-
Piden cancelar a feira taurina de Pontevedra por saúde pública
Por Redacción |