"Viaxa Mañá", campaña da Deputación para atraer turistas despois da corentena
Por Redacción
O estado de alarma non durará para sempre e na Deputación de Pontevedra están a planificar xa os días posteriores ao final da corentena. O executivo provincial acaba de presentar unha campaña de turismo nacional e internacional titulada Viaxa Mañá. Trátase dunha peza audiovisual que pon en valor os recursos da provincia e o esforzo que está a soportar o sector.
A @depo_es lanza a campaña internacional #ViaxaMañá, coa que apelamos a aprazar as viaxes ás #RíasBaixas mentres quedamos na casa e as coidamos. Unha aposta emocional que chama á solidariedade e responsabilidade e que aplaude o compromiso do sector. Agardamos que vos guste. pic.twitter.com/YXBc4LoaOn
— Deputación Pontevedra (@depo_es) April 3, 2020
Trátase dunha aposta "emocional", declarou a presidenta Carmela Silva. A obra fai un chamamento á solidariedade e responsabilidade das persoas para que apracen a súa visita ás Rías Baixas. O vídeo mostra espazos turísticos da provincia que empresas e institucións están a coidar para telas en perfecto estado para cando os visitantes poidan regresar. Son escenarios que cumpren cos parámetros de sustentabilidade, natureza e cultura.
Ademais están en marcha varias campañas de dinamización en redes sociais. Un exemplo é #21 Days21 Destinations, a través da que se difunden e comparten recursos turísticos e na que participan numerosos bloggers.