Carmela Silva insta a Feijóo a convocar unha reunión coas deputacións
Por Oskar Viéitez
Ante as novas previsións da Xunta de Galicia sobre a evolución da crise sanitaria na comunidade autónoma, que situarían o pico da pandemia ao longo deste mes de abril, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, instou este venres ao presidente Alberto Núñez Feijóo a que convoque telematicamente, no prazo máis breve posible, ás catro deputacións galegas para tomar as "decisións e novas medidas que correspondan".
Nunha carta que remitiu ao presidente galego, "co ánimo e co afán de cooperación", a presidenta provincial trasladou a "preocupación, inquietudes e temores existentes" e demandou "máxima información posible" para "poder avaliar adecuadamente a situación e poder tomar decisións de forma anticipada".
PETICIÓN DO PP
Por outra banda o voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela solicita, como "proposta en positivo nestes tempos de crise", que a Deputación Provincial habilite un programa para que os concellos de menos de 20.000 habitantes poidan celebrar telematicamente as sesións plenarias e dar validez aos acordos adoptados.
En menos de 24 horas desde a posta en marcha na Deputación de Pontevedra da Plataforma Informática para a celebración de Plenos e Xuntas de Goberno de xeito telemático, a institución fai extensible o seu sistema aos 53 concellos da provincia adheridos á administración electrónica. O obxectivo desta iniciativa é facilitar a xestión municipal con total garantía e seguridade nesta situación de crise sanitaria a través dunha ferramenta que habilita a Deputación de xeito totalmente gratuíto.