Sanxenxo prepara unha ordenanza de praias coa perspectiva de que o 1 de xuño poderá facerse uso masivo dos areais
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo confía en que o 1 de xuño estea superado o estado de alarma e o municipio volva recibir milleiros de visitantes como outros veráns. Por este motivo, o goberno de Telmo Martín está a traballar no borrador da que será a primeira ordenanza de praias de Sanxenxo.
Con este regulamento quérese facilitar a convivencia e o uso das praias do municipio, entre as que se atopan 14 con bandeira azul, cifra que o Concello espera ampliar este verán.
A tempada de baño que se establece iníciase o 1 de xuño e finaliza o 30 de setembro. O goberno local podería variar estas datas atendendo ás condicións meteorolóxicas.
Entre as propostas recóllese a prohibición expresa de deixar instaladas os parasoles, cadeiras ou mesas nos areais para reservar espazo se non se atopan os seus propietarios. As actividades deportivas, culturais e xogos tanto na area como na auga poderanse desenvolver sempre que non supoñan molestia para o resto de usuarios e cando exista espazo suficiente para a súa execución.
Deportes como o surf, windsurf, kitesurf, paddel surf e outros similares poderanse realizar só durante a tempada estival de maneira temporal e con previa autorización do Concello de Sanxenxo nos lugares e condicións que se estableza para a súa práctica.
Quedará prohibida a venda ambulante nas praias de calquera produto, en especial bebidas e alimentos, sempre que non exista unha autorización municipal previa.
Serán infraccións moi graves a realización de pintadas e grafitis con calquera material ou raiar a superficie de calquera instalación, obxecto ou espazo de uso público. Tamén terán esta consideración as verteduras sólidas ou líquidos e o uso de material pirotécnico.
Non respectar a prohibición do baño cando estea izada a bandeira vermella será considerada unha infracción grave, do mesmo xeito que lanzarse á auga desde cantís, rocas ou espigóns ou en zonas onde se atope prohibido o baño.
O lavado de roupa ou de animais nos aparellos para lavar os pés, nas fontes serán consideradas infraccións leves do mesmo xeito que deixar cadeiras de praias ou calquera outro material con cadenaso soltos en calquera zona da praia. As sancións sitúanse entre os 750 e os 3.000 euros.
Relacionadas:
-
Emerxencias de Sanxenxo suma 112 intervencións nos 23 días de estado de alarma
Por Redacción |
-
A Policía Local de Sanxenxo denuncia un veciño que saíu a tirar o lixo demasiado lonxe do domicilio
Por Redacción |
-
Os empresarios turísticos de Sanxenxo, resignados polas perdas da Semana Santa e coa vista posta no verán
Por Redacción |