Inspectores de pesca reclaman non ser servizos esenciais durante o estado de alarma
Por Redacción
Os inspectores de pesca marítima da administración xeral do Estado reclaman ao Goberno non ser incluídos entre os servizos esenciais durante o estado de alarma decretado polo coronavirus, ao entender que nas actuais condicións realizan un traballo "ineficaz" e poden contribuír á propagación do virus.
Este corpo laboral, a través da xunta de persoal da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, asegura estar a recibir "presións" por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para realizar inspeccións en portos, lonxas e buques de pesca.
Pola natureza do seu traballo, aseguran os sindicatos, resulta "practicamente imposible" cumprir as medidas de prevención establecidas polo Goberno, aumentando o risco de transmisión do COVID-19.
Entre outras cuestións, argumentan que durante o desembarco das capturas a presenza de persoas é "elevada" polo que non poden manter a distancia de seguridade recomendada.
Ademais, a xunta de persoal da Subdelegación lembra que o malestar entre as tripulacións dos barcos "é moi elevado" pola situación epidémica e polo baixo prezo que alcanzan as capturas na lonxa, polo que a presenza dos inspectores "aumentaría a tensión" nos portos pesqueiros.
O ministerio sostén, segundo os sindicatos, que o labor dos inspectores é necesaria para a subministración ao consumidor español das capturas obtidas en augas de Terranova e que realizan as súas descargas nos portos de Pontevedra, pero aseguran que iso é "absolutamente falso".
Estas capturas véndense "principalmente" no mercado asiático e, en Europa, sobre todo en Portugal e o Reino Unido.
Desde o 16 de marzo, o traballo de inspección e control da frota, que ata a última modificación do real decreto non era unha actividade esencial, está a realizarse de maneira electrónica, usando aplicacións de localización por satélite, os diarios de pesca dos buques, o cruzado de datos de desembarco ou a comunicación directa coas confrarías.
Os inspectores consideran que este sistema de control é "adecuado" na situación "excepcional" na que se atopa o país e que a orde que recibiron de acudir aos portos "dificilmente" permitiría realizar unha "verificación minuciosa" das capturas e, pola contra, "desencadearía un maior nerviosismo" no sector pesqueiro.