Detectan un aumento de depósitos ilegais de lixo en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
"É unha situación intolerable". Así define o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, a práctica que se está a detectar no municipio. Trátase do importante aumento de depósitos ilegais de lixo no interior dos contedores que se rexistra estes días de confinamento.
O goberno municipal lamenta que a "irresponsabilidade" dalgúns veciños chegue ata o punto de depositar no interior dos contedores restos de poda, materiais de obra e ata la de ovella, que están terminantemente prohibidos.
Entenden que isto é debido ás intensas tarefas de limpeza que se están a facer en moitas casas polo confinamento do coronavirus, pero o Concello anunciou que vai poñer todos os medios para acoutar "de inmediato" esta grave situación medioambiental.
O primeiro paso será a interposición das correspondentes denuncias ante a Garda Civil para identificar aos responsables destas verteduras ilegais.
Jorge Cubela amosou o enfado do goberno local polo aumento destas accións, que cualificou de "intolerables, vergoñentas e irresponsables" ao tempo que advertiu que o Concello "non as vai consentir en ningún caso e as vai perseguir ata as últimas consecuencias".
"Non pode ser que as tarefas de limpeza das nosas casas e fincas, que están a aumentar neste réxime de confinamento, deriven en actuacións irresponsables duns poucos que acaban estragando o civismo maioritario, a responsabilidade e a solidariedade da cidadanía de Cerdedo-Cotobade", engadiu o alcalde.
Estes vertidos ilegais no actual marco de grave crise sanitaria amosan "a moi pouca consideración" que, segundo Cubela, certa xente ten co respecto ao medio ambiente, coa lei, coa reciclaxe, co traballo dos operarios municipais e do Concello, co estado de alarma, co interese xeral e co ben común.
Os depósitos ilegais, para o Concello, son "aínda máis lamentables" agora que nunha situación normal, na que apenas existen porque a xente "é moi maioritariamente responsable" e non ten tanto tempo para tarefas domésticas.
En calquera caso, e ante a gravidade destes feitos e a indignación que espertaron no Concello, o alcalde fai un chamamento á cidadanía e apela á colaboración veciñal para que se poida identificar aos autores dos vertidos para que estes non se repitan durante as vindeiras semanas nas que se prolongará o confinamento.