Detectan manchas de mildiu nunha viña do Salnés e recomendan revisións dos cultivos
Por Redacción
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro da Deputación de Pontevedra, recomenda aos propietarios de cultivos revisar as viñas máis desenvolvidas na procura das primeiras manchas de mildiu, pois en dúas fincas moi adiantadas do Salnés e do Rosal xa se detectaron manchas.
O persoal da Estación Fitopatolóxica de Areeiro retomou estes días as visitas aos cultivos da provincia co obxectivo de seguir prestando o servizo de avisos fitosanitarios, pese ás medidas derivadas da situación de emerxencia sanitaria. En todo caso, mentres permaneza o estado de alarma decretado polo avance do coronavirus, reduciranse os percorridos habituais.
En relación coas viñas visitadas estes días, o persoal da estación observou estados fenolóxicos bastante heteroxéneos, aínda que a maioría están en acios visibles. As temperaturas frescas de días anteriores provocaron un freo no crecemento, salvo en viñas situadas en orientacións especialmente abrigadas ou asolladas.
A responsable dos avisos fitosanitarios, Rosa Pérez, explicou que nas viñas con desenvolvemento suficiente da vexetación (por riba dos 10 centímetros de lonxitude) cumpríronse as condicións para a infección primaria en días pasados.
Ata o de agora, os casos detectados foron moi excepcionais, e as temperaturas frescas derivadas dos ventos do norte de ata hai uns días impediron que a situación se xeneralizase máis.
Coa situación meteorolóxica prevista para as vindeiras datas, que prevé choivas, e o diferente desenvolvemento da vexetación que hai nas fincas, a recomendación xeral é revisar as viñas máis desenvolvidas.
Se as viñas teñen xa un bo tamaño dos gromos e non se pode facer a mencionada revisión, os viticultores poden aplicar un tratamento inmediatamente despois das choivas (ou, se hai imposibilidade, antes, aínda que se perderá a protección derivada da compoñente de contacto do funxicida e se reducirá o tempo de protección da materia activa penetrante ou sistémica).
No caso de intervir, deben axustar o volume do caldo ao desenvolvemento da vexetación, para evitar gastos innecesarios e reducir problemas para a saúde das persoas e do medio ambiente.