Tato Vázquez: "A mediados de abril teremos o pico de hospitalización e sobre o 20, o pico de UCI"
Por Natalia Puga
Tato Vázquez, coordinador de Urxencias no Hospital do Salnés e presidente da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias ( SEMES) en Galicia, insiste na necesidade do confinamento da poboación para axudar a frear o coronavirus. Faino desde o coñecemento do contacto directo con quen o está sufrindo e desde o convencemento de que o peor está por chegar e, se a poboación non pon do seu parte para frear os contaxios, chegará un momento en que os hospitais non teñan capacidade para atender a todos os pacientes que o necesiten. "Coidarvos moito e espero que este pesadelo pase pronto", di como colofón a este entrevista na que analiza a situación actual na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
As autoridades sanitarias levan días dicindo que o pico máis forte de contaxios aínda está por chegar. Para cando se prevé?
Esta fin de semana, entre hoxe e o día 7. Ollo, ese é o pico de contaxios e logo vén o pico de hospitalización, que é entre unha semana e dez días despois. Ás veces, confúndese, pero unha cousa é o contaxio e outra cando empezas a desenvolver os síntomas e cando xa te pos maliño de verdade e hospitalízante. Iso é aos 7-10 días do contaxio. E logo vén un segundo pico que é o máis cruel, o de intensivos, que é entre 5 e 7 días despois do de hospitalización. Mediados de abril, pico de hospitalización e sobre o día 20, pico de intensivos.
Que situación está a vivirse agora nos hospitais da área sanitaria de Pontevedra? (No momento de facerse a entrevista, segundo os datos de Sanidade, hai 4.926 casos activos en Galicia e en Pontevedra e O Salnés, 432)
O número de contaxios está a duplicarse en Galicia cada 7-8 días. Que é o grave deste virus? Que é tremendamente contaxioso. Entón, ao ser tan contaxioso, o número de posibles afectados é moi elevado e que aínda que o número de casos graves non é porcentualmente alto, como o número de casos é elevado, o número de casos graves é tamén moi alto. Explícocho con números. Imaxina unha poboación que teña 100.000 habitantes e imos ter contaxiados un 20%, que é o que leva a taxa de ataque. Iso son 20.000 contaxiados e, deses, vai hospitalizar aproximadamente un 20%. Serían 4.000 persoas. Con iso enténdese a evidencia destas infección. Como é tan alto o número contaxiados, o número absoluto de xente hospitalizada é moi elevado. Este é o gran problema que ten este virus e, ademais, aos que os pon malos, ponos malos de verdade e sabémolo polos datos de Madrid, sobre todo.
Algo que se fixo claramente ben é que se planificou o que pode vir e como hai que enfrontarse a iso
As instalacións sanitarias de Pontevedra e O Salnés están preparadas para o aluvión de pacientes que aínda queda por chegar?
O que hai é un plan de emerxencia sanitaria a nivel de toda a comunidade e Pontevedra ten preparado o seu propio plan. Xa desde hai 15 días nos hospitais non hai nin intervencións cirúrxicas programadas nin consultas externas e todas as plantas de hospitalización están dedicadas ao ingreso deses pacientes. De momento, os hospitais non están cheos, pero encheranse. E o que se está habilitando son expansións das áreas de intensivos. A seguinte fase que comprende o plan é a de hospitalización externa, fóra dos hospitais. En Pontevedra, o que se está tentando negociar é que puidese habilitarse o antigo Hospital Naval de Marín. Se non fose posible iso, habería que exporse un hospital de campaña. Iso non quere dicir que o teñas que utilizar ou non, o que tes que telo é previsto. É mellor anticiparse que que nos ocorra o que ocorreu en Madrid, que tiveron que montar un hospital moi rápido cando xa tiñan a epidemia encima. Isto é quizais algo que se fixo claramente ben, planificouse o que pode vir e como hai que enfrontarse a iso.
Teme o colapso?
Temo que imos ter hospitais moi cheos. Non é un temor, sei que imos ter moito traballo. Xa temos traballo, pero sei que imos ter moito máis. Colapso de que teñamos que recorrer a hospitalización externa? É posible, pero, ben, se o tes planificado e organizado, non ten que ter un elevado problema. Evidentemente, estes hospitais externos non serían para os pacientes máis graves serían para facer altas precoces dos pacientes que tes hospitalizados. .
Esténdese como a peste. É peor que a peste, ten un índice de contaxios peor
Cal é o perfil do paciente que ingresa na área sanitaria?
O perfil do paciente é sobre todos pacientes maiores, onde se ha visto que é tremendamente severa a infección é que se cebe na xente maior, por encima de 70 anos. Ademais, aí é onde é extremadamente agresiva e onde se producen a maioría dos casos máis graves e os falecementos. Logo hai un perfil de pacientes que teñen algunha patoloxía de base, onde pode ser moi seria. Pero afecta a todos os rangos de idade, cunha distinción que é que á xente menor de 20 anos e aos nenos practicamente non os toca. Esta é, se se pode dicir, a gran boa noticia deste virus porque se tocase a esa poboación estariamos a falar dunhas circunstancias aínda máis dramáticas.
A poboación de maior risco é a de idade avanzada ou con patoloxías previas, pero empezan a detectarse ingresos e casos graves en poboación máis nova e algunha sen patoloxías previas. A que se debe?
Todos os rangos de idade están tocados. Desde os 35 anos en diante, mesmo algún de menos idade, todos están tocados. Logo, aumenta progresivamente a medida que aumenta a idade. O dos casos de máis novos, hai variacións individuais que fan que nalgunha xente este virus compórtese dunha maneira máis agresiva. Isto é evidente, non sabemos con exactitude por que, pero é evidente. Os que se comportan de maneira máis agresiva, máis que polo virus en si, é pola resposta inflamatoria do propio individuo.
Aínda que semanas atrás insistíase en comparar o coronavirus cunha gripe, agora mesmo esa comparación xa parece descartada. Que os diferencia?
O que máis os diferenza, e por iso son importantes as medidas de confinamento, é que é extremadamente contaxioso. A gripe ten unha contaxiosidade de aproximadamente dúas persoas, cada persoa con gripe contaxia a dúas persoas. O coronavirus ten un grao de contaxiosidade que pode chegar a alcanzar 5, cada paciente infectado contaxia a outros cinco. Por iso esténdese, valla a comparación, como a peste. É peor que a peste, ten un índice de contaxios peor que a peste. De aí vén a medida de confinamento, o que tenta é conter que haxa moita xente contaxiada. Por iso, evidentemente, non é unha gripe.
Houbo días complicados e nos servizos de urxencias en Pontevedra e no Salnés fíxose un uso restrinxido dos equipos
Ademais de reducir a mobilidade e contacto social, que está en mans de cada un para axudar a frear a pandemia?
O que podemos facer individualmente é extremar ao máximo as medidas de hixiene nas mans, tentar coidar que se temos algún síntoma poñernos algún tipo de protección, toser ou esbirrar nos cóbados, mesmo, se temos unha máscara, utilizala. As máscaras non che protexen a ti, pero evitan que contaxies a outros. Iso é importante cando vivimos nunha zona restrinxida como o noso domicilio porque podemos acaba contaxiando aos que temos preto. E logo tentar organizarse, é tremendamente duro estar un mes metido en caso. Tentar facer unha vida como a que facemos habitualmente sabendo que imos estar na casa, mantendo os horarios, tentar darnos mesmo un capricho as fins de semana. Tentar levar unha vida ordenada e tentar, sobre todo, manternos activos intelectuamente. É a única maneira de levar as restricións que temos neste momento.
En canto ás medidas de protección, que hai dos sanitarios? Na área sanitaria de Pontevedra teñen suficiente material de protección individual?
Nestes momentos están a entrarnos equipos. Realmente, agora temos máscaras, temos batas, temos luvas e demais. Non todo o que nos gustaría, pero está a entrar. Eu aquí sempre mando unha mensaxe aos profesionais de que fagan un uso super coidadoso e super restrinxido. Chéganos, pero temos pouco, imos coidalo ao máximo e sacarlle o máximo rendemento posible.
Iso quere dicir que si que houbo días complicados?
Si, houbo días complicados e nos servizos de urxencias tanto en Pontevedra como no Salnés fíxose un uso restrinxido dos equipos, no sentido de: mira, esta é a túa máscara, cóidaa, tela que utilizar tantas horas. Practicamente baixo chave porque a opción última é: se te quedas sen equipos, que facemos? Expoñémonos libremente? Iso sería unha catástrofe para o sistema. Eu fun moi crítico co dos equipos, pero a opción B, se non tes equipo, é marcharnos para casa. E que facemos? Perdemos o noso compromiso coa poboación? Nós estamos para atender á xente. Entón, por iso ese sentido de: sexamos absolutamente rigorosos no uso dos equipos cando teñamos que usalos.