Campo Lameiro reparte 4.500 máscaras de autoprotección a toda a poboación
Por Redacción
A poboación de Campo Lameiro recibirá de balde durante os próximos días un total de 4.500 máscaras confeccionadas por encargo do Concello a unha tapicería local para protexerse do coronavirus.
O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa Domínguez, os concelleiros do grupo de goberno e operarios municipais comezaron este domingo o reparto. Repartirán dúas pezas por persoa.
As máscaras foron confeccionadas por A Nosa Tapicería para que poidan ser usadas no caso de ter que saír a facer algunha compra ou, si se trata de alguén que teña que ir traballar, poida protexerse e evitar ao máximo ser foco de contaxio.
Carlos Costa púxose en contacto a pasada semana coa empresa A Nosa Tapicería, que dirixe Rogelio Reboredo, para ver a posibilidade de reconfigurar as máquinas de que dispón esta fábrica local para adaptalas á produción de máscaras de autoprotección para poder axudar á poboación a previr contaxios e evitar a propagación do coronavirus.
Unha vez feitos os estudios pertinentes, a empresa modificou o seu sistema de produción e, coa colaboración económica do Concello de Campo Lameiro, conseguiron en Vigo a cantidade suficiente de tela da clase TNT para poder levar a cabo esta labor altruísta por parte do empresario e que pretende protexer ao máximo á poboación de Campo Lameiro da pandemia.
Segundo a información facilitada polo Concello, as máscaras están feitas con material TNT (Téxtil Non Tecido) e levan polo medio un filtro de papel similar ás cirúrxicas. Son lavables e reutilizables.