Cuntis reforzará os controis tras detectar "certa relaxación" e conductas "inadecuadas"
Por Redacción
A ampliación do estado de alarma ata o 26 de abril levou ao alcalde de Cuntis, Manuel Campos, a trasladar unha nova mensaxe á cidadanía para recordarlles que "queda un longo camiño por diante e temos que seguir remando todos na mesma dirección".
Tras agradecer o comportamento "exemplar" que está a ter a maioría da poboación, Campos destaca que o pobo de Cuntis está respondendo ante as dificultades "con sacrificio, responsabilidade e solidariedade".
Quedar na casa, nestes momentos é, segundo o alcalde, a medida "máis efectiva e sensata" para evitar o contaxio do virus, polo que instou aos veciños a "non baixar a garda", porque Cuntis "non é alleo" á esta enfermidade e hai varios contaxios no casco urbano e no rural.
A este respecto, Manuel Campos advertiu que se están a detectar casos de "certa relaxación" e conductas "inadecuadas" de persoas que xa foron identificadas. Aínda que asegura que son episodios "minoritarios", Cuntis tomará medidas.
Así, o Concello avanzou que se vai a intensificar a vixilancia e, tanto dende a Policía Local como dende os demais corpos de seguridade, incrementarán os controis e, de ser o caso, as sancións "a quen irresponsablemente pon en risco a súa propia saúde e a dos demais".
Pola súa banda, o alcalde detallou as decisións que se adoptaron "desde o primeiro minuto" desta crise, entre elas o plan especial de limpeza e desinfección de espazos públicos, o peche das instalacións e servizos municipais ou a entrega a domicilio de alimentos, medicamentos ou produtos de hixiene a persoas dependentes.
Ademais, Cuntis paralizou o cobro de diferentes taxas e prezos públicos municipais, aprobou un programa de axudas de emerxencia social, reforzou o servizo de axuda no fogar, iniciou un servizo de impresión e entrega a domicilio de deberes ou activou campañas de sensibilización sobre a hixiene de mans.
O rexedor, que tamén tivo palabras de recoñecemento para todas as persoas que neste escenario de pandemia seguen traballando para garantir que todo continúe funcionando, insiste en que os cidadáns sigan as recomendacións das autoridades sanitarias.
"Quedan días moi duros todos e todas tivemos que renunciar a algo nas nosas vidas, pero lembrade que este partido o xogamos xuntos e que só unidos conseguiremos vencer", conclúe a comunicación do alcalde cos veciños.