Cruz Vermella Pontevedra realiza un seguimento telefónico a 4.000 persoas na comarca
Por Oskar Viéitez
Desde o comezo desta crise, Cruz Vermella en Pontevedra asegurou o mantemento dos seus programas esenciais e intensificou a súa actividade coas persoas máis vulnerables diante do COVID-19.
Desde a entidade manteñen activos programas e servizos como a Campaña Especial de Seguimento que realiza un seguimento telefónico a 4.000 persoas na comarca identificadas como especialmente vulnerables diante do coronavirus, para informar, axudar e detectar posibles necesidades.
Por outra banda, as persoas usuarias de Teleasistencia continúan recibindo este servizo de igual modo que antes de que instalase o Estado de Alarma.
Ademais Cruz Vermella distribúe e entrega de alimentos e produtos farmacéuticos: deste xeito, as familias en risco de exclusión social ven cubertas as súas necesidades básicas en alimentación, hixiene persoal e de fogar, ou o pago de subministracións.
Desde Cruz Vermella aseguran que o equipo de voluntariado está preparado e formado para atender os recados e xestionar a compra das persoas máis vulnerables. Ata o momento xa realizaron a distribución de máis 77.119 quilos de alimentos a través do Fondo Social de Garantía Agraria FEGA e con fondos propios, dando cobertura alimentaria a 2.034 persoas na comarca, tamén con entrega de medicación e xestión de diferentes demandas. Coa axuda de 90 persoas que están a apoiar as actividades.
Tamén seguen activas as campañas de Comunicación e Sensibilización en todas as súas canles, poñendo ademais ao dispor de toda a sociedade un Curso Aberto e Gratuíto sobre o COVID-19 desenvolvido por Cruz Vermella, e que a día de hoxe xa foi realizado por 500 persoas en todo a comarca.
Ademais, desde Cruz Vermella en Pontevedra xa están a formar a novas persoas voluntarias que decidiron unirse á institución para axudar nestes momentos difíciles.
Na a área de emprego, o crecemento dos expedientes de regulación temporal de emprego, o paro e a actividade laboral están a poñer en situación de vulnerabilidade a unha gran parte da poboación. Cruz Vermella poñerá medidas para minorar o impacto económico e de empregabilidade na sociedade. Para iso, están a reforzar o seu servizo multicanle de emprego, ofrecendo orientacións laborais e xestionando demandas. Desenvolveron 105 orientacións e 7 xestións de ofertas.
En canto a Cruz Vermella Xuventude, os menores que habitualmente atenden desde a área seguen recibindo apoio educativo, formativo e de lecer a través do programa de Éxito Escolar de Cruz Vermella, que agora é virtual. Tamén se seguen facendo seguimentos e atendendo demandas. Están a atender a 55 nenos que habitualmente participan nos seus programas a través de máis de 250 seguimentos telefónicos e a conexión para o apoio educativo.
Finalmente, está a atención a persoas sen fogar. Desde a institución están a realizar diariamente saídas para atender ás persoas sen fogar, realizando entregas de alimentos e outros produtos e atendendo ás súas necesidades. Xa atenderon a 30 persoas e entregado máis 200 produtos alimentarios (bocadillos, café, empanadillas, froita…) así como sacos de durmir e kits de hixiene.
Na comarca de Pontevedra hai preto de 500 persoas voluntarias que fan posible desenvolver todas estas actividades.
Relacionadas:
-
A Cruz Vermella recibe 212 toneladas de alimentos do Ministerio de Agricultura para repartir na provincia
Por Redacción |
-
Máis de 200 persoas apuntáronse como voluntarias da Cruz Vermella na provincia para axudar as persoas máis desfavorecidas
Por Anxo Lourido |
-
O servizo de teleasistencia da Deputación realizou máis de 700 actuacións durante o estado de alarma
Por Redacción |