Pontevedra acumula 191 multas por incumprir o estado de alarma
Por Oskar Viéitez
A concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde actualizou toda a información da xunta de goberno local relativa ao confinamento e o estado de alarma.
Desde o 15 de marzo ata o 4 de abril, contabilízanse un total de 191 multas por parte da Policía Local a cidadáns que estaban a desobedecer o estado de alarma.
Eva Vilaverde explicou que se observa un descenso das denuncias nos últimos días e asegurou que en xeral o comportamento da veciñanza está sendo bo e que "a concienciación social é cada vez maior e respectánse con carácter xeral os termos do confinamento e do estado de alarma".
A edil nacionalista matizou que estas 191 denuncias se corresponden con 167 persoas denunciadas, posto que algunhas son reincidentes. Ademais neste punto, indicou que as persoas reincidentes corresponden na maioría dos casos con persoas sen teito.
LIXO COVID19
En canto aos datos de recollida de lixo específica para persoas con Covid-19, Vilaverde informou que neste momento se está prestando este servizo en 18 domicilios, que se corresponden con 25 persoas doentes.
Ademais, na Xunta de Goberno local ratificáronse tres decretos do alcalde para a realización por emerxencia de adquisicións e desinfeccións relacionadas co coronavirus.
Trátase da adquisición de equipos de protección individual para traballadores públicos e persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), e de produtos de desinfección para as Dependencias municipais, cun orzamento estimado de 3.682 euros e de 353 euros respectivamente.
Tamén se ratificou o decreto de realización da desinfección de vehículos municipais da Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cun orzamento estimado de 1.624 euros.
Relacionadas:
-
Denuncian cinco persoas que estaban a beber e fumar dentro dun bar de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Policía Local de Pontevedra impuxo 155 multas por incumprir a orde de confinamento
Por Oskar Viéitez |
-
A primeira semana de estado de alarma deixa 45 denuncias en Pontevedra por non respectar o confinamento
Por Natalia Puga |