Alertan de que oito dos dez traballadores da lavandería do Hospital Provincial contaxiáronse
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Os sindicatos sanitarios Prosagap e Co.Bas denuncian a falta de medios e de medidas dentro da área sanitaria de Pontevedra para traballar de forma segura durante a pandemia. Sinalan que solicitaron á administración a través do Comité de Seguridade e Saúde determinadas accións que impidan o contaxio entre o persoal.
Neste sentido reclaman máis información e formación específica, que permita adaptar o contido ao posto de traballo ademais da supervisión dos circuítos de actuación. Polo que indican os representantes destes colectivos, nas reunións das comisións de atención primaria e hospitalaria solicitaron elementos básicos de hixiene de mans e de equipos de protección individual (EPIs) suficientes para todos os profesionais dos centros hospitalarios.
Tamén afirman que pediron desde o mes de marzo nas reunións que se leve a cabo unha relación de traballadores con factor de risco para que se adapten os postos de traballo ou se retiren da actividade laboral ata que finalice a pandemia.
Piden ademais a mellora de sistemas de detección de posibles novos casos de coronavirus, o seguimento de contactos e a dotación de medidas de protección ante a presenza de casos confirmados. Por isto indican que é necesario realizar o test en tempo adecuado ao persoal sanitario que presente síntomas e tamén aos compañeiros de traballo dun positivo dentro da mesma unidade, pasando a ser contactos de risco cun seguimento especial.
Alertan de que algúns traballadores tampouco contan cos elementos básicos de protección. Sinalan que desde o Comité de Seguridade e Saúde sempre se indica que o colectivo "está informado" e que os servizos están "suficientemente dotados".
Denuncian que na lavandería do Hospital Provincial hai oito traballadores que se contaxiaron de COVID-19 dos dez que conforman o cadro de persoal. Segundo indican Prosagap e Co.Bas, primeiro foron varios traballadores titulares deste servizo os que se viron afectados para, a continuación, contaxiarse os traballadores contratados eventualmente. Sinalan que é tanta a gravidade que debería procederse á paralización preventiva da lavandería, coa desinfección do espazo, facer a investigación pertinente, tomar medidas e trasladar a información ao Comité de Seguridade e Saúde.
Por este motivo, os representantes dos traballadores reclaman un seguimento da situación e que se dote de material de protección básico a todo o persoal para evitar estes casos. Afirman tamén que non se realiza un seguimento diario dos casos posibles de carácter leve que manteñen a corentena no domicilio. E demandan o reforzo do cadro de persoal tanto na unidade de prevención de riscos laborais como no departamento de Medicina Preventiva.
O SERGAS DI QUE SÓ UN TRABALLADOR DA LAVANDERÍA ESTÁ AFECTADO
Segundo expoñen desde o departamento de prensa da xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, os datos ofrecidos polos sindicatos son erróneos. Indican que só hai un traballador da lavandería afectado polo COVID-19 despois de efectuarse as probas a todo o persoal.
Apuntan a que se consensuou cos traballadores a utilización de máscaras, xeles e de cartelería coas instruccións para manter a protección do persoal deste servizo do Hospital Provincial. As pautas veñen marcadas pola Unidade de prevención de Riscos Laborais e o servizo de Medicina Preventiva, adaptadas a este persoal tras un acordo dunha comisión de Saúde Laboral celebrado semanas atrás.
Desde o SERGAS lamentan as críticas sindicais sen fundamento e reclaman colaboración por parte dos representantes dos traballadores dos centros hospitalarios.
Relacionadas:
-
Sindicatos dos hospitais de Pontevedra acusan á xerencia de "maquillar" os datos sobre profesionais contaxiados
Por Redacción |
-
Concentracións para demandar probas PCR para o persoal sanitario
Por Redacción |
-
Catro de 85 traballadores do servizo de limpeza de Montecelo dan positivo nas probas de coronavirus
Por Anxo Lourido |
-
7 de 50 traballadores de limpeza do Hospital Provincial dan positivo nos test rápidos de Covid-19
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Persoal de Montecelo critica que se coloquen pacientes con coronavirus en habitacións compartidas
Por Natalia Puga |
-
Un traballador da lavandería do Hospital: "Ante os primeiros positivos solicitamos máscaras e se nos negaron"
Por Anxo Lourido |
-
VÍDEO.- Sanitarios, ambulancias e veciñanza fúndense nun aplauso colectivo ante o Hospital Provincial
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Preocupación pola baixa da pediatra de Tenorio: "non é prudente que os nenos teñan que desprazarse ao Hospital Provincial"
Por Redacción |
-
Comisións Obreiras responsabiliza a Acciona dos contaxios que se poidan producir entre o persoal de limpeza do Sergas
Por Oskar Viéitez |