Os concelleiros e os deputados provinciais do PP doan o 30% do soldo de abril
Por Oskar Viéitez
Os concelleiros e os deputados provinciais do Partido Popular doarán o 30% do seu soldo e indemnizacións por asistencia a órganos colexiados do mes de abril para loitar contra o COVID-19.
Deste xeito, os catro deputados que teñen media dedicación exclusiva doarán esta porcentaxe do seu soldo, mentres que o resto de deputados o farán coas indemnizacións que perciban das comisións informativas ou plenos que se convoquen na Deputación de Pontevedra durante este mes. A doazón ingresarase nas contas que a Xunta ten habilitadas para facer estas aportacións e contribuír á compra de material.
O voceiro do grupo, Jorge Cubela, sinalou que "é momento de ser exemplares, porque toda a axuda é importante para loitar contra esta pandemia".
Pola súa banda, o portavoz do grupo municipal do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, sinalou que "son moitísimos o pontevedreses que están a realizar doazóns para esta loita. A súa achega é vital para poñer freo a esta pandemia. Debemos estar á súa altura e remar todos na mesma dirección. Esta batalla só se gaña unidos".