Maica Larriba pide un "sacrificio moi importante" á cidadanía para que non viaxe en Semana Santa
Por Natalia Puga
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, fixo este martes un chamamento á cidadanía para que non se desprace ás súas segundas residencias durante estes días de Semana Santa e evite todo tipo de desprazamentos co obxectivo de preservar a saúde pública, "o ben máis prezado neste momento" e ao servizo do cal a poboación ten que "actuar responsablemente".
Consciente de que "tradicionalmente a Semana Santa era aproveitada para realizar desprazamentos a segundas residencias ou ben para gozar duns días de vacacións", a subdelegada lembrou que a situación actual do estado de alarma pola pandemia do coronavirus "esixen un sacrificio moi importante" que, ademais do confinamento nas vivendas, implica a prohibición de desprazarse a lugares nos que poidan ter segunda residencia ou onde habitualmente pasaban algúns días de vacacións.
Trátase dun chamamento "a que, por favor, permanezan nas súas casas" a pesar destes días de vacacións. "Nesta ocasión, tócanos pasalos nas nosas casas", pide, porque "co noso esforzo este virus imos paralo unidos".
Maica Larriba fai referencia a informes que sinalan que a cidadanía da provincia de Pontevedra "está a respectar" o confinamento que decretou o Goberno para vencer a pandemia do coronavirus, pero apunta a que "sempre existen algunhas persoas insolidarias" que persisten en incumprir o estado de alarma e iso motiva que, de media, se impoñan 100 sancións ao día en toda a provincia.
A pesar de que a cifra é rechamante, a subdelegada insiste en que converte aos pontevedreses en "un exemplo de cidadanía responsable" cunha cifra "baixa" de incumprimentos.
Este martes, Maica Larriba tamén quixo facer un recoñecemento ao "servizo impagable, inestimable" que están a prestar os militares da Brigada Galicia VII, Brilat, que percorren toda a provincia en misións de seguridade e coas súas unidades de desinfección atendendo as peticións das distintas administracións. Están a centrarse en residencias de maiores, a "prioridade" do Goberno nestes momentos, e tamén noutras instalacións nas que hai concentración de persoas.
Tras pasar o luns polo Centro de Inserción Social (CIS) Carmen Avendaño de Vigo, nos próximos días acudirán ao centro penal da Lama para unha "desinfección profunda" de todas as instalacións. Respecto diso, Maica Larriba quixo aclarar que os datos dos que dispoñen fanlles "estar tranquilos" porque non se detectaron contaxios na prisión. Esta desinfección é preventiva.
Ademais de agradecer o traballo dos militares, Maica Larriba tamén agradece o seu labor á Policía Nacional, a Garda Civil e os policías locais, así como aos sanitarios que "están en primeira fila demostrando a súa vocación, o seu altruísmo e a súa dedicación á nosa sociedade". Fai extensivo o seu agradecemento aos funcionarios das distintas administracións que seguen traballando en actividades esenciais.
Relacionadas:
-
O xuíz deixa en liberdade un pontevedrés que se saltou o confinamento 14 veces, seis nun mesmo día
Por Natalia Puga |
-
A Brilat non para pola Semana Santa: este xoves patrullou por Cuntis e Pontevedra
Por Diego Torrado & Natalia Puga |
-
"O loable é que a inmensa maioría da cidadanía está a cumprir rigorosamente as medidas de confinamento"
Por Natalia Puga |