Poio fai promoción turística nas redes pensando na volta á normalidade
Por Oskar Viéitez
A Concellería de Turismo continúa traballando para que, en canto a situación provocada pola propagación do virus Covid-19 se normalice, o concello de Poio poda ofrecer todos os seus servizos e recursos para os visitantes que cheguen ao municipio.
A concelleira titular deste departamento, Silvia Díaz, explicou que "nós seguimos xestionando e traballando para que Poio recupere o seu status de referente turístico o máis axiña posible".
Neste sentido, a concellería iniciou no seu momento os trámites para acadar unha achega da Consellería de Turismo, que se investirá na renovación da sinalización existente nos roteiros dos muíños da Freixa, na parroquia de San Xoán, e os de Samieira. A maiores, anteriormente xa se viña traballando na reposición dos paneis informativos en Combarro.
Por outra banda, tamén se está a divulgar, a través da páxina web e das redes sociais do Concello, a guía-folleto "Pura Identidade", coa que Poio se promocionou durante a última edición de Fitur. Trátase dun documento virtual que conta, entre outras cousas, cun mapa interactivo, no que se ofrecen máis de 40 puntos de interese para os visitantes, entre os que se atopan praias, miradoiros, espazos públicos e roteiros, ademais doutros emprazamentos interesantes desde o punto de vista histórico ou patrimonial, como é o caso do Conxunto Histórico de Combarro, a Casa Museo de Colón ou o Mosteiro de San Xoán.
Silvia Díaz lembra, asemade, que o departamento prevía a contratación de cinco persoas para facer fronte á tempada vacacional. As estimacións eran que todas estas incorporación estivesen operativas en xuño. De feito, entre elas inclúanse dúas bolseiras para Semana Santa, cun contrato de catro meses de duración.
Tamén se determinou contar cunha persoa titulada, a través do Plan Concellos da Deputacion (outros catro meses) e outro reforzo, por tres meses e medio, pola vía dunha achega que outorga a Xunta de Galicia a concellos de Interese Turístico. Por último, habería unha incorporación por tres meses a través dunha liña da Deputación de Pontevedra para municipios con oficinas turísticas adheridas á rede Info Rías Baixas. Neste caso, sería para unha contratación de tres meses e o Concello asumiría o 25% dos custes.
Relacionadas:
-
Destinan 18.000 euros á sinalización dos muíños de Samieira e da Freixa en San Xoán
Por Redacción |
-
Poio mantén as festas de San Xoán e apoia a súa reactivación económica en propostas lúdicas
Por Redacción |
-
Mapa interactivo cos establecementos operativos en Poio
Por Redacción |
-
Poio estuda fórmulas para reducir o impacto económico do coronavirus no municipio
Por Redacción |
-
Cales son os establecementos operativos en Poio? A web municipal ofrecerá unha listaxe
Por Redacción |
-
Habilitan seis establecementos turísticos de Poio, Sanxenxo e Pontevedra para aloxar a traballadores esenciais
Por Natalia Puga |