Os Premios Provinciais á Xuventude lánzanse antes e con máis dotación para promover iniciativas durante a corentena
Por Redacción
"Converter a crise en oportunidade", con esta premisa a Deputación de Pontevedra decidiu adiantar a convocatoria dos Premios Provinciais á Xuventude, que chegan á súa cuarta edición neste 2020.
Desde a institución provincial convídase á mocidade a que aproveite esta situación de confinamento nas vivendas para que se desenvolva o potencial creativo traballando e ideando proxectos, tal e como se comproba nas redes sociais onde se desenvolven numerosas propostas.
As bases desta edición dos Premios Provinciais á Xuventude publicaranse no Boletín Oficial da Provincia nas próximas datas pero o prazo de presentación das diferentes propostas non estará aberto ata que finalice o actual estado de alarma.
A dotación económica dos galardóns para este ano tamén se incrementa en 10.000 euros en relación coa edición anterior. En total serán 32.000 euros que se repartirán entre as oito modalidades que se establecen para esta edición: iniciativa social, empresarial, contido dixital, educación en valores, traballo musical, literario, fotografía orixinal e deseño e moda.
Outra das novidades será que na modalidade de educación en valores, que se dirixe a centros de educación secundaria, a idade mínima dos escolares participantes adiántase aos 14 anos. Agás nesta categoría, o resto de apartados destínanse á mocidade con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos, que poden concursar en varias modalidades cun único proxecto orixinal. As persoas gañadoras recollerán os seus premios na gala prevista para o último trimestre do ano.