O xuíz non ve delito en publicar en Google e Facebook comentarios sobre o mal estado da comida dun local
Por Natalia Puga
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra decidiu arquivar unha causa xudicial aberta contra un pontevedrés por publicar en páxinas web de recensións de Google e en páxinas de Facebook diversos comentarios sobre o mal estado da comida servida nun parque infantil.
O home estaba a ser investigado por presuntamente realizar eses comentarios a raíz do despedimento no mes de maio de 2018 da súa parella, que traballaba no citado parque infantil. Nesas publicacións cuestionaba a comida que se servía no devandito local aos nenos, para prexudicar a imaxe do negocio.
O xulgado instrutor seguiu adianten co caso, pero o investigado decidiu recorrer e a Audiencia Provincial, tras revisar o caso, estimou o seu recurso e decidiu arquivar a causa, non por considerar que as accións do investigado fosen correctas, senón porque non poden cualificarse como constitutivas dos delitos que se lle atribuían.
O maxistrado Miguel Aramburu sostén no seu auto de arquivo da causa que do relato de feitos que figuran no procedemento penal non se deriva que tal relato supoña cometer ningún delito contra a honra.
Así, conclúe que non se pode considerar que tales feitos poidan ser considerados un delito de calumnias porque "a publicación de comentarios sobre o mal estado da comida non é a imputación dun delito contra a saúde pública".
O acusado comentara, entre outras cuestións, que a comida "se recogió, se congeló y luego a saber cuándo se descongela en microondas y se le sirvió a los ñiños". O xuíz conclúe que, con estas palabras, non está a dicir que a comida fose perigosa ou nociva senón que era comida que sobrou doutra comida e especulábase sobre o tempo que levaba conxelada. "Simplemente que se imputa unha reutilización de alimentos. Non é posible considerar os feitos como calumniosos", conclúe o auto da Audiencia.
O maxistrado considera que tampouco se lle pode atribuír o delito de inxurias, pois entende que as expresións publicadas son "un comentario ou unha información que pode ser ou non falsa, pero que non se pode cualificar como grave". Neste punto, matiza que non se lle pode considerar un comentario grave polo contexto en que se produce, "un comentario nunha páxina web".
Respecto diso, o maxistrado sostén que unha persoa media "ten, ou debe ter, unha actitude escéptica" cara aos comentarios na internet.
Este arquivo da causa non impide que a empresa á que criticou o sospeitoso poida emprender accións "de tutela á honra".