Facer pans e doces durante o confinamento "é terapéutico"
Por Redacción
Confirmado. "Empezamos co papel hixiénico, agora é o fermento e a fariña, a semana próxima a ver que toca". É a aseveración que achega Ana Rivas, encargada do Supermercado Froiz de Fernández Villaverde, en Pontevedra. Xa a pasada fin de semana empezábase a notar, pero esta semana a demanda destes produtos repuntou.
Ata tal punto, que ás dez e media da mañá deste venres 8, os andeis deste supermercado correspondentes a estes produtos estaban baleiros. "O que se vendería en tres ou catro días, para esta hora da mañá xa non queda".
Estima que oscila entre 40 e 50 quilos de fariña diarios. Son os máis madrugadores os que conseguen proverse "de feito os que fan pedido por teléfono e piden fariña ou fermento non se lles pode servir porque xa non a hai. Somos moitos a repartir e a plataforma non dá para servir ás oitenta tendas".
Fariña, fermento fresco ou en sobre para facer pan e repostería en casa e dadas estas datas de Semana Santa, entenden que para elaborar as roscas de Pascua. "Eu mesma voulla a facer ao meu fillo porque o padriño non lla pode traer. Entón entendo que será por iso" exemplifica Ana Rivas.
Ademais de querer suplir a imposibilidade de cumprir a tradición cos máis pequenos, hai algunha explicación psicolóxica que faga que a poboación en tan alta porcentaxe se meta 'en fariña'?
Concha Rodríguez, vogal da xunta de goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, apunta varias. "Seguir as recomendacións de buscar actividades durante o confinamento. Outra é que como nun principio compráronse moitas provisións, agora quérese aproveitalas. Ou tamén pode ser por prudencia para non ter que baixar a diario a comprar pan".
Outra explicación que achega, de maior profundidade e que como precisa Concha Rodríguez, pode ir da psicoloxía á antropoloxía: "cando paramos e encartamos as nosas ás, miramos ás nosas raíces e aí está o pan. O 'slow food', alimentar a alma. É tempo de facer cousas coas nosas mans, resulta terapeútico, produce satisfacción".
Así que a súa recomendación é non torturarse con remorsos por comer eses doces que se están elaborando nos fogares: "é momento para a gratitude; estamos a descubrirnos e temos licenza para cometer erros".
Relacionadas:
-
Subiu a cesta da compra desde o inicio do estado de alarma?
Por Marisa Ciordia |
-
A cidade ve pasar o Xoves Santo máis desapaixonado
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Se o coronavirus non te deixa durmir, apunta estas tarefas
Por María José Pita |
-
Torneo de parchís 'en liña' para amenizar o confinamento e, de paso, colaborar con Cruz Vermella
Por Natalia Puga |
-
Un blogue con actividades e rutinas para facer máis levadío o confinamento
Por Redacción |