A Deputación reforzará a marca Rías Baixas como un destino turístico que dea seguridade ao visitante
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra está a explorar todas as solucións posibles para facer fronte á crise que a pandemia do coronavirus está a provocar no sector turísiico e anuncia que tanto as administracións publicas como o sector están a traballar para manter a excelencia e a calidade e para reforzar a marca de destino Rías Baixas, coa convicción de que "nesta provincia temos todo o que a xente vai demandar cando se supere esta situación".
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou este mércores que a administración provincial e o sector privado seguen a traballar na aposta polo turismo a medio e longo prazo para "saír reforzados unha vez que se poida superar a pandemia polo COVID-19".
Xusto este mércores, coincidindo co día que empezarían para moitos as vacacións de Semana Santa, paralizadas polo coronavirus, Carmela Silva quixo lanzar unha mensaxe aos visitantes de proximidade de Galicia, o resto de España e Portugal, para que viaxen "mañá" ás Rías Baixas, en alusión ao remate do estado de alarma.
A presidenta da institución provincial subliñou que, unha vez levantado o confinamento, as persoas "van precisar e van desexar turismo de saúde, turismo de natureza e de reencontrarse cun mesmo". Ese era o eixo da campaña que a Deputación tiña establecida para este ano con ‘Sigue o teu instinto’ e que mantén nas redes sociais sociais con ‘Viaxa mañá'.
"Nós podemos ofertar iso que a xente vai desexar mañá. Polo tanto, primeiro temos que facer unha análise rigorosa de que vai a acontecer e poñer medidas para responder a curto, pero tamén ao medio prazo e ao longo prazo", engade Silva.
Neste senso, manifestou que "todo vai cambiar despois deste COVID-19, desta pandemia global" e que a administración e o sector "temos que anticiparnos para ir deseñando unha marca que dea seguridade". O obxectivo será "que a xente que vén á provincia saiba que vai haber seguridade, vai haber medidas de protección e que imos darlle todo iso que precisa".
Carmela Silva reiterou a súa petición ao conselleiro de Turismo da Xunta, Román Rodríguez, para que convoque a todos os destinos galegos a un encontro para definir o futuro próximo e subliñou que amais das axudas que vai precisar o sector tanto da administración autonómica como estatal porque "hai que deseñar cal é o modelo que imos implementar para que nos convertamos aínda máis nun destino de referencia, baseado na excelencia e na calidade".
Relacionadas:
-
O vídeo promocional das Rías Baixas "Segue o teu instinto" conquista o seu primeiro premio internacional
Por Redacción |
-
Autocaravanas e casas rurais, o turismo da nova normalidade
Por Manu Otero |
-
Calculan que, no mellor escenario post-coronavirus, Galicia perderá un de cada dous turistas
Por Redacción |