Moraña reparte máscaras e luvas entre os comercios abertos durante a crise sanitaria
Por Redacción
Ata 250 máscaras, 400 pares de luvas de látex, tres lotes de hidroxel, cinco paquetes de lixivia e outros cinco buzos completos. É o material de protección contra o coronavirus que repartiu o Concello de Moraña entre comerciantes e profesionais que seguen a traballar.
O material tamén chegará para reforzar aos traballadores municipais, do servizo de axuda no fogar, Protección Civil e Policía Local.
"Con este novo reparto seguimos extremando as precaucións dos traballadores do Concello pero tamén axudamos a moitas persoas de Moraña que traballan en servizos de interese xeral e que non tiñan fácil conseguir estes equipos de protección", sinalou a alcaldesa, Luisa Piñeiro.
Ata este momento, a Xunta de Galicia reportou ao Concello, en tres envíos, case 2.500 equipos de protección individual, que se distribúen en 850 máscaras, 1.550 pares de luvas, tres gafas de protección integral e 68 buzos, aos que hai que engadir 19 lotes completos de solucións desinfectantes como xel hidroalcohólico ou lixivia.
Ademais, a alcaldesa, ante o interese de moitos veciños, revelou que o goberno local está comezando a estudar a adquisición de grandes lotes de máscaras para o seu reparto xeneralizado por se foran necesarias para a contención do coronavirus e para saír á rúa no levantamento das medidas de confinamento.
En todo caso, aclarou que iso dependerá do que decidan as autoridades sanitarias.
Relacionadas:
-
Moraña merca máscaras reutilizables para a veciñanza
Por Oskar Viéitez |
-
Os servizos sociais de Moraña prestan atención a 160 familias durante a corentena
Por Redacción |
-
Moraña entrega medicamentos a domicilio e imprime material escolar para os nenos
Por Redacción |
-
Moraña entrega materiais de protección aos seis taxistas do municipio
Por Redacción |