O colectivo de Opositor@s galeg@s pide á Xunta o aprazamento a 2021 da convocatoria de oposicións á docencia
Por Redacción
O colectivo Opositor@s galeg@s!, formado por integrantes de diversos sectores entre os que se atopa profesorado de centros públicos, privados e concertados emitiron un comunicado para manifestar o seu desacordo coa decisión da Xunta de Galicia de manter a convocatoria de oposicións a máis de 3.600 prazas en Educación a partir de xuño.
O grupo de aspirantes a traballar como docentes en centros públicos sinala que a sociedade se atopa nunha situación excepcional debido á presenza da pandemia e reclaman medidas extraordinarias. Neste sentido, piden á administración autonómica que se apracen as oposicións do 2020 a xuño de 2021.
Sinalan que esta situación actual impide garantir a seguridade e a equidade necesaria nun proceso de oposición destas características. Pregúntanse como se impedirá a posibilidade de que as persoas que se presenten poidan caer enfermas e perdan a oportunidade de estudar ou de presentarse ás probas. Tamén descoñecen que pasará con aqueles aspirantes que enfermen ou que se atopen en corentena durante o proceso selectivo.
Ao mesmo tempo, cuéstionanse que fórmula se utilizará con persoas pertencentes a grupos de risco e se será posible que as deixen compartir aulas con centos de aspirantes.
Ademais, tamén queren que a Xunta de Galicia explique como evitará o efecto chamada ao ser a única comunidade autónoma que mantén a convocatoria de oposicións. Neste caso, entenden que se rexistrarán aglomeracións nas que sería necesario garantir a seguridade.
Tamén se preguntan como os aspirantes a prazas en conservatorios de música poden prepararse ante a imposibilidade de ensaiar con músicos acompañantes e como estudarán aqueles integrantes da FP sanitaria que, nestes momentos, atópanse axudando a salvar vidas en centros hospitalarios.
Indican que o colectivo de opositores se atopa nunha situación de incerteza e que a administración debe primar a xente, a saúde e a dignidade á hora de adoptar decisións.
Opositor@s galeg@s! piden a Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta e á conselleira de Educación, Carmen Pomar, que atendan as peticións deste colectivo e deixen de mentir e de xerar incerteza. A conselleira xa manifestou que o goberno galego esperará ata o 26 de abril para ver que sucede co estado de alerta e, a partir da situación que se expoña, tomarase unha decisión respecto a esta convocatoria.