Científicos galegos plantan cara ao coronavirus
Por Redacción
Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela traballan contrarreloxo na prevención futura da enfermidade. Por unha banda tentan acadar unha vacina, pero tamén traballan no desenvolvemento de novas forma de diagnose, con test serolóxicos específicos, e tamén estudan o desenvolvemento de novas terapias, por medio de fármacos antivirais e a optimización da súa administración con maior eficacia e menor toxicidade.
Nestas tres liñas están actualmente a traballar os laboratorios do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) e do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS).
Segundo informa a Universidade de Santiago de Compostela (USC), o investigador José Martínez Costas, do CiQUS, acaba de obter financiamento do Instituto de Saúde Carlos III para o desenvolvemento dunha vacina fronte o coronavirus en base a unha nova metodoloxía patentada na USC que permite resultados en marxes de tempo reducidos e a baixo custo.
Como explica o doutor Martínez Costas, a metodoloxía a partir da que se traballará é válida fronte contra calquera patóxeno. "Facemos que células de calquera orixe fabriquen microesferas e introduzan dentro delas os antíxenos víricos" explica Martínez Costas. Estas partículas "purifícanse moi facilmente e teñen capacidade intrínseca para estimular ao sistema inmune, o que as converte en ideais como vacinas para o coronavirus, doenza que afecta principalmente a persoas de idade avanzada cuxo sistema inmune sole estar debilitado", engade o investigador.
O equipo do CiQUS traballará na produción da vacina mentres que o ensaio en animais levarao a cabo outro equipo do Centro de Investigación en Sanidade Animal de Valdeolmos, en Madrid. Se se comproba que a estratexia achega resultados positivos, o equipo buscará financiamento adicional para iniciar ensaios clínicos. Se ben resulta moi complexo determinar un prazo de tempo definitivo para dispor dunha vacina efectiva, a metodoloxía desenvolvida na USC permite obter resultados preliminares sobre a efectividade do composto nun prazo inferior a procedementos convencionais. A formulación inicial podería estar dispoñible nun prazo que oscila entre 2 e 3 semanas, como explica o investigador, non obstante o desenvolvemento dunha vacina é un proceso complexo e longo no que se debe combinar efectividade e seguridade. A metodoloxía de Martínez Costas agora financiada para a súa aplicación fronte COVID-19 xa foi probada de xeito satisfactorio fronte outros dous virus.
Tamén arredor do desenvolvemento de vacinas, o grupo de María José Alonso está implicado nun equipo que traballa na avaliación de estudos preclínicos para unha nova vacina contra o SARS-CoV2 capaz de inducir respostas inmunitarias de longa duración fronte o virus. Este equipo intégrano persoal investigador de IDIBAPS, do National Center for Biotechnology, do Barcelona Supercomputing Center e de IRSICAIXA co financiamento do Departamento de Saúde da Generalitat de Catalunya. Este grupo propón o deseño dunha vacina baseada en ARNm (ácido ribonucleico mensaxeiro) do virus. En opinión dos investigadores é unha “alternativa prometedora fronte vacinas convencionais polo seu gran potencial, rápido desenvolvemento, fabricación a baixo custo e administración segura”. O equipo da USC terá como misión o desenvolvemento de vehículos (que simulan virus artificiais) para a protección e transporte do RNAm á célula diana.
DIAGNOSE E SEGUIMENTO DE DOENTES
A diagnose e seguimento de enfermos de COVID-19 son outras das liñas de investigación nas que actualmente profundan equipos da Universidade de Santiago. No primeiro caso, o profesor Jesús Rodríguez Requena está implicado nun proceso de desenvolvemento de novos test para a diagnose e identificación fiables e rápida de pacientes seropositivos. Na investigación tamén participan grupos do CSIC.
No ámbito do seguimento de pacientes, o investigador José M. Castro Tubío céntrase na identificación da evolución da infección por coronavirus, especialmente no relacionado coa aparición de novas mutacións. Nunha primeira fase desta liña de traballo, o grupo dedicarase ao desenvolvemento dun método de xenotipado destes virus mediante a tecnoloxía de secuenciación en célula única.
NOVAS TERAPIAS
Ademais da busca de novos fármacos, os equipos de investigación traballan igualmente na optimización da formulación de compostos, así como na súa administración para conseguir unha eficacia e seguridade máxima. No desenvolvemento e screening de novos fármacos, os grupos do CiMUS liderados por Mabel Loza e o de María José Alonso, no eido da formulación, atópanse pendentes de acadar financiamento para varios proxectos a nivel europeo e estatal ou en asociación con empresas.
Neste eido, atópanse pendentes de resolución dous proxectos solicitados á Unión Europea (Innovative Medicine Initiative): o primeiro, de xeito conxunto con máis de dez socios, sobre screening masivo vía intelixencia artificial de candidatos a fármacos antivirais e outro cuxo obxectivo é o testado da actividade vírica de candidatos a estes mesmos medicamentos, así como un terceiro relacionado co reposicionamento de fármacos. Nesta mesma área enviouse unha ‘Expresión de interese’ á convocatoria de GAIN (Xunta de Galicia) coa que se pretende mellorar a eficacia e reducir a toxicidade dos fármacos actualmente utilizados no tratamento de COVID.
Relacionadas:
-
RADIO.- De Holanda a Zaragoza co biólogo arousán Jesús Arenas
Por Marisa Ciordia |
-
Científicos pontevedreses identifican na xudía común un xene que determina onde e cando cultivala
Por Redacción |
-
RADIO.- "É mellor estar seguros que facer unha vacina rapidamente e que non sexa a solución"
Por Marisa Ciordia |
-
Andrés e Mencía, dous estudantes pontevedreses que viven a pandemia fóra do país
Por Alejandro Espiño |
-
Estas son as preguntas máis frecuentes recollidas no 012
Por Redacción |
-
Información de utilidade durante a emerxencia sanitaria en Galicia
Por Redacción |