Protesta da CIG para reclamar medidas de protección social xustas
Por Anxo Lourido
#QueEscoiten e #QueNonConfinenOsTeusDereitos, con estas consignas representantes do sindicato CIG e seguidores saían ás 12.00 horas deste venres 10 aos balcóns e xanelas das vivendas para protestar cunha cazolada e reclamar aos gobernos que escoiten as demandas da clase traballadora.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, indica que é necesario realizar políticas públicas e concentrar todos os recursos en favor das maiorías sociais con financiamento que non parta dos propios traballadores.
Profesionais do sector das ambulancias sanitarias tamén fixeron soar as súas sirenas ante o Hospital do Salnés sumándose a esta protesta e mostrando tamén o seu malestar polas máscaras "de papel" que, segundo o sindicalista Xabier Aboi, recibiron para atender servizos de pacientes con COVID-19. Precisamente, o sindicato convocante pide un reforzo das medidas de prevención para garantir a saúde do persoal que continúa as súas actividades durante o estado de alarma
Segundo a CIG, entre a cidadanía detéctase o enfado pola xestión "caótica e insuficiente" da crise sanitaria, que tamén é social e económica. Por este motivo, reclaman medidas de protección social sen que se rexistren discriminacións entre os colectivos e con garantías de que as familias teñan ingresos suficientes e que cobrarán as súas prestacións a tempo.
Desde a central nacionalista demandan que se obrigue ás grandes eléctricas, á banca, ás compañías de telecomunicacións e ás empresas potentes a exonerar ás familias do pago de hipotecas, alugueres e dos recibos para facilitar o confinamento ás familias.
Reclaman ao goberno central que consiga financiamento público, vía impositiva ás grandes fortunas ou a través da intervención pública de sectores estratéxicos da economía que se atopan en mans privadas.
Relacionadas:
-
Denuncian "escurantismo" por parte de Sanidade no novo concurso do servizo de ambulancias convencionais
Por Redacción |
-
Protesta da CIG na Subdelegación en pleno confinamento para reclamar ingresos e seguridade para a clase traballadora
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Cacerolada nas fiestras convocada pola CIG para esixir medidas de protección social xustas
Por Redacción |
-
VIDEO.- A cacerolada contra a monarquía tamén resoa nos balcóns de Pontevedra
Por Redacción |