Un condutor á fuga termina envorcado e tendo que ser excarcerado polos bombeiros en Seixo
Por Diego Espiño
As fugas non adoitan saír ben. Viviuno este venres nas súas propias carnes un condutor en Marín, tras escapar dos axentes e terminar sufrindo un aparatoso accidente de tráfico.
Todo empezou minutos antes das 17:30 horas da tarde cando unha patrulla da Policía Nacional observou unha manobra sospeitosa dun turismo procedendo a darlle o alto, momento no que o vehículo emprendeu a fuxida.
No transcurso da mesma o coche saltou un semáforo en vermello poñendo en perigo a unha persoa que estaba a cruzar a vía e que tivo que apartarse para non ser arroiada. Ademais durante a persecución tería realizado un adiantamento nunha zona de baixa visibilidade e estrada estreita.
Ao final o condutor terminou perdendo o control do turismo saíndo da vía na estrada de acceso á Variamte de Marín, a EP-1202, subindo a un noiro e terminando co seu coche envorcado.
Debido á aparatosidade do envorco, foi necesaria a intervención dos bombeiros para poder sacalo do vehículo. Tras ser excarcerado o home, de 23 anos, foi atendido polos profesionais sanitarios e quedou baixo custodia policial acusado dun presunto delito de desobediencia e contra a seguridade viaria.
No dispositivo de emerxencia participaron efectivos da Policía Nacional, Policía Local, Bombeiros do Morrazo, 061 e Garda Civil de Tráfico.