A Federación Provincial de Comercio pide que se prohiban "todas as rebaixas" ata final de ano
Por Redacción
As asociacións que conforman a Federación Provincial de Comercio, Turismo e Mercados de Pontevedra apostan pola cancelación dos períodos de rebaixas polo menos ata final do presente ano 2020.
Súmanse así ao escrito presentado pola Confederación Española de Centros Históricos (Cocahi) ao Goberno de España para que adopte de forma inmediata e por decreto a prohibición de todas as rebaixas no sector comercial.
Ademais reclaman de paso a volta aos tradicionais períodos de rebaixas a partir do 7 de xaneiro de 2021.
"Deberíase prohibir todo tipo de rebaixas ata final deste ano para beneficiar a recuperación económica de autónomos e evitar a desaparición do comercio tradicional", sinala nun comunicado o secretario xeral da Federación de Comercio, Enrique Núñez.
"Son centos de miles os comerciantes que realizaron antes da crise do COVID-19 todas as súas compras de mercadoría para poder afrontar a nova tempada. Se agora o Goberno permite que se poidan levar a cabo rebaixas ou promocións despois do confinamento isto provocará unha situación irreparable, xa que moitos estarían condenados a vender a perda, con todo o que iso supón", explica.
A Federación Provincial, entidade que aglutina á maioría de asociacións de comerciantes de Pontevedra, remitiu estas propostas a distintos Ministerios e a Presidencia do Goberno, do mesmo xeito que á Xunta de Galicia que ten competencias en materia de comercio.