A Boa Vila vive un sábado de compras con longas colas
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado
A deste sábado foi unha xornada de moita actividade en Pontevedra, nada comparable ao que ocorría antes de estalar a pandemia do coronavirus pero singular no medio de todos estes días que levamos de estado de alarma.
O sábado reabrían tendas e supermercados despois do peche do Xoves e Venres Santo e antes do descanso do domingo e o festivo do Luns de Pascua. Era por tanto a ocasión que tiveron numerosos veciños para volver encher as súas despensas como se puido comprobar nas rúas.
Rexistráronse colas diante dos establecementos de alimentación. Desde os grandes centros comerciais da Barca e Salcedo, pasando por supermercados de barrio, o Mercado de Abastos, froiterías e panaderías.
En moitos casos a Policía Local e noutros os gardas de seguridade vixiaban que a clientela gardase unha distancia mínima e que non se superase a limitación de aforo imposta por esta crise sanitaria.
Resultaba rechamante o silencio imperante nestas colas. A cidadanía parece ter moi presente que o risco de contaxio en lugares públicos é maior aínda que se tomen todas as precaucións debidas como é o uso de mascarillas, cada vez máis habitual, do mesmo xeito que as luvas aínda que os establecementos xa se encargan de fornecelos entre os clientes.
Ao ir unha soa persoa ao súper as compras tamén son máis pequenas e céntranse en alimentos de primeira necesidade así como de produtos de aseo persoal e de limpeza para o fogar e, non adoita faltar, algo de picoteo.
Relacionadas:
-
Subiu a cesta da compra desde o inicio do estado de alarma?
Por Marisa Ciordia |
-
70 negocios estrean a base de datos dos establecementos activos en Pontevedra
Por Redacción |
-
Facémolo ben cada vez que imos ao supermercado?
Por Redacción |
-
As prazas e mercados de abastos non escapan á crise derivada da corentena
Por Redacción |