A Deputación prorrogará case un ano o prazo para rematar as obras do plan Deporemse
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra aprobará na sesión do seu primeiro Pleno telemático da historia, que se celebrará o próximo día 24, a modificación das bases do Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viais Municipais (DepoRemse) pola que se prorrogará o prazo para o remate das 31 obras previstas nos concellos, cun montante total de 11 millóns de euros, e que supón un dos maiores impulsos á obra pública na provincia.
A presidenta provincial, Carmela Silva, explicou esta medida "na convicción de que estamos a vivir uns momentos históricos e dunha complexidade extraordinaria, polo que as Administracións deben traballar xuntas, sumando esforzos, para facer todo o posible para protexer a saúde das persoas e, en segundo lugar, procurar que a economía se resinta o menos posible".
O acordo, que será sometido a votación no Pleno telemático do día 24 consiste nunha prórroga de 11 meses do prazo de execución das obras. A data límite actual estaba fixada no 30 de xuño deste ano e agora adíase ao 31 de maio de 2021.
Ao mesmo tempo, o prazo de xustificación administrativa continuará a ser de catro meses dende o remate da obra, polo que pasa ao 30 de setembro de 2021. Carmela Silva explicou que a Deputación aposta polo "máximo legal permitido" en materia de subvencións ao obxecto de despexar incógnitas aos concellos.
Entre os 31 concellos beneficiarios do Plan Deporemse está Bueu coa reurbanización integral da rúa A Pedra. En Moraña trabállase na mobilidade viaria na contorna dos centros culturais e educativos da Chan de Amil. En Barro, na seguridade viaria en lugares do municipio. En Poio, adaptación integral na contorna da Seara. En Campo Lameiro, na peonalización da rúa José Antonio e conexión da Casa do Concello coa Chanciña. En Ribadumia, adaptación dos accesos á escola infantil, colexio Julia Becerra, pavillón polideportivo e campo de fútbol de A Bouza. En A Illa de Arousa, reforma da contorna do Centro de Saúde.