A Xunta suspende o levantamento de actas das expropiacións dos plans de emerxencia das presas de Caldas e O Con
Por Redacción
O Diario Oficial de Galicia publicaba este martes a suspensión, por parte da Xunta de Galicia, da convocatoria de levantamento de actas previas á ocupación dos terreos necesarios para implatar os plans de emerxencia das presas de Caldas de Reis e de O Con. Esta suspensión vén motivada polo estado de alerta propiciado polo espallamento vírico.
As datas das novas convocatorias fixaranse, segundo o executivo galego, no momento en que se levanten as restricións derivadas desta situación excepcional. Estaban previstos os levantamentos de actas previas que afectaban a poboación de Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis, Soutomaior e Baiona.
Con esta iniciativa, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade quere avanzar nas tramitacións dos plans de emerxencia, cun investimento de máis de 785.000 euros.
As expropiacións son necesarias, segundo a Xunta, para completar a instalación nas presas do sistema de aviso acústico á poboación. Desta forma téntanse minimizar as consecuencias en caso de rotura ou de funcionamento incorrecto das instalacións.
Os Plans de Emerxencia das presas contan cun centro de xestión, un sistema de comunicacións do titular do encoro e un sistema de aviso á poboación da zona que poida verse afectada durante a primeira media hora.
Actualmente, Augas de Galicia dispón dun centro de control situado en Santiago de Compostela. Desde alí vixíase o estado das catro presas. Na posta en marcha destes Plans de Emerxencia proxéctase o acondicionamento de salas de emerxencia nos edificios existentes nas presas e que actualmente se destinan á explotación.