O Concello de Vilagarcía planifica a súa volta á actividade de forma gradual a partir do luns próximo
Por Redacción
O vindeiro luns 20 de abril o Concello de Vilagarcía comezará a retomar a súa actividade de forma progresiva deixando atrás os servizos mínimos nos que se mantén desde a declaración do estado de alarma. Así o fixo público a resolución ditada polo alcalde, o socialista Alberto Varela. Con todo, estas previsións poden ser modificadas de acordo ás normas que determine o Goberno de acordo á evolución da pandemia.
Así, a partir da próxima semana incorporarase o persoal de servizos externos: Obras, Xardíns, Electricidade, ou Medio Ambiente, entre outros. Na semana do 27 de abril farao o persoal administrativo. Ambos terán un horario de 09 a 14 horas con quendas dentro de cada servizo de maneira que os grupos sexan os mesmos e respectando a seguridade e distanciamento recomendados.
No que incumbe á actividade administrativa e política, tamén desde o 27 de abril estará en vigor a tramitación de procedementos suspendidos, así como o cómputo de prazos de expedientes paralizados no ámbito administrativo, fiscal, sancionador, urbanístico ou licitación. Os procedementos tributarios, tales como liquidacións, recibos, domiciliacións, fraccionamentos, ou padrón, ditaranse as instrucións procedentes aos servizos de Rendas, Recadación e Tesourería. Teranse en conta as causas xustificadas alegadas polos interesados nestes procedementos e que deriven da crise sanitaria.
O 28 de abril retomaranse as xuntas de goberno local presenciais, deixando sen efecto a resolución pola que o alcalde asumía as súas competencias. A partir do 4 de maio recuperarase a celebración dos plenos, comisións informativas, mesas de contratación e reunións da Xerencia de Urbanismo. Para salvagardar a seguridade non se descarta que estas reunións leven a cabo en emprazamentos diferentes aos habituais. Tamén a partir dese 4 de maio sumarase todo o persoal da Administración local co horario habitual de 08 a 15 horas e fóra dos casos en que teñan permitida a flexibilidade laboral.
Actividades varias
As actividades lectivas do Conservatorio, Escola de Música, Escola Infantil, actividades do Centro de Formación de Matosinhos e a Fundación de Deportes, talleres de emprego, Biblioteca Municipal, centros de lectura, oficina de turismo, Auditorio, Salón García, salas de exposición, centros culturais veciñais, etc... adaptaranse ás directrices fixadas polo Goberno Central.
Relacionadas:
-
Amigos de Galicia logra emprego para 11 persoas na provincia, pese ao estado de alarma
Por Redacción |
-
Vilagarcía suspende o ClasClás ata 2021 pola crise do coronavirus
Por Redacción |
-
As denuncias da Policía Local de Vilagarcía por incumprir o confinamento xa son 214
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta suspende o levantamento de actas das expropiacións dos plans de emerxencia das presas de Caldas e O Con
Por Redacción |
-
Hostaleiros e comercios de alimentación vilagarcianos doan comida para persoas en risco
Por Oskar Viéitez |
-
Forte subida do paro nos concellos pola crise do coronavirus
Por Oskar Viéitez |