Caldas de Reis reinicia as obras do edificio municipal da Escola de Música
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis reiniciou este martes as obras de construción do edificio municipal da Escola de Música e Usos Múltiples situado na parroquia de Santa María, que xa están moi avanzadas, con 1.350 metros cadrados construídos e a piques de completar a súa última fase.
As obras teñen un orzamento dun millón de euros e están financiadas pola Deputación de Pontevedra, a través do Plan de Investimentos en Equipamentos e Dotacións Únicas na Mellora do Reequilibrio Territorial dos Servizos.
A empresa adxudicataria, Obras Gallaecia SL, retomou o traballo despois da parálise ordenada polo Goberno hai dúas semanas, con motivo da crise sanitaria provocada polo coronavirus.
Segundo o director de obras, Santiago Domínguez Baltar, a súa finalización terá lugar cara finais de maio.
Os interiores están practicamente acabados pero faltan algúns detalles, ao tempo que se comezou a urbanización do entorno.
Sobre o edificio, o arquitecto destaca que o seu volume modular é o estrito resultado das prestacións requiridas polo Concello para acoller a Escola Municipal de Música e outros usos formativos e administrativos.
A fachada, cun espazo intermedio de ventilación, facilita a súa sustentabilidade e ten un acabado de policarbonato con fiestras de PVC rematadas en cores alegres acordes coas camelias que se van plantar na parcela. Os acabados interiores están calculados acústicamente, tanto nos teitos como nas paredes, para facilitar as distintas clases da escola de música e todo tipo de actividades simultáneas. Tamén se preveu a dotación de aire acondicionado e de iluminación individualizada para as distintas aulas e espazos do edificio, facilitando así o aforro de enerxía.
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, destacou "a importancia deste edificio para impulsar como se merece a Escola Municipal de Música e reforzar outras actividades culturais e educativas", estando tamén previsto que acolla dependencias administrativas e institucionais."É unha instalación singular que contribuirá ao desenvolvemento da parroquia de Santa María e todo o municipio", afirmou o alcalde.
Relacionadas:
-
Brinde final para o 25 aniversario da Escola de Música de Caldas: estrea novo edificio
Por Redacción |
-
Aberto o prazo para apuntarse á Escola Municipal de Música de Caldas, que estrea instalacións
Por Redacción |
-
O pleno de Caldas aproba o modificado do proxecto do edificio da Escola de Música
Por Redacción |
-
Caldas completa a rede de saneamento no núcleo de Segade de Arriba
Por Redacción |