Valentín Otero, doce días entre a vida e a morte polo coronavirus: "Foi como volver a nacer"
Por Alejandro Espiño
"Hai que vivir. Disfrutar cada momento". É a lección que a vida deu a Valentín Otero, un dos tres pacientes que foron dados de alta en Pontevedra este martes tras padecer o coronavirus. Tras tres semanas no hospital, dúas delas como el mesmo asegura "pelexando por sobrevivir", ten claro que o seu "foi un milagre".
A odisea de Valentín comezou igual que a de moitos outros estes días. Con febre. "Estiven case unha semana con ela", explica a PontevedraViva. Chegou ao hospital de Pontevedra "xa con problemas" e tras dous días nunha habitación de planta "púxenme peor". Tiña pneumonía bilateral.
Foi ingresado na UCI e inducíronlle o coma. "Estiven doce días pelexando entre a vida e a morte", asegura. Á súa familia, en todo ese tempo, "chegábanlle noticias nefastas" e mesmo lles dixeron que "había que prepararse para o peor". Pero Valentín, como sempre fixo na vida, non deixou nunca de loitar. E saíu airoso do envite que o destino lle preparara.
"Foi unha batalla moi difícil", rememora agora que xa empeza a ser consciente de todo o que pasou no hospital. Da parte clínica, recoñece, "non me acordo de moito". Iso si, sabe que tras saír de coidados intensivos e regresar a planta "case me volven a levar de novo" porque o coronavirus, aínda presente no seu corpo, quixo dar as súas últimas rabexadas.
O que tardará en esquecer, sen dúbida, é "todo o que pasou pola miña cabeza" durante todo este tempo. O efecto dos medicamentos, relata aínda medorento, xerou na súa cabeza "un mundo fantástico e irreal que no meu caso foi terrorífico". Iso, subliña Valentín, "é o que máis recordo, foi unha cousa horrible".
Agora, xa no confort do seu fogar, é plenamente consciente de que "estiven máis cara alá que para acá" e que, se logrou saír desta situación, foi grazas ao persoal médico que lle atendeu no hospital de Pontevedra. "Eles foron os que me sacaron adiante", afirma. A todos eles, engade coa voz entrecortada, "estareille eternamente agradecido".
Superar o coronavirus foi para el "como volver nacer, dígocho de verdade" e saír do hospital, mirando pola xanela da ambulancia a medida que ía atravesando a cidade de Pontevedra, "é un sentimento marabilloso que non sei como explicar".
Pero nada se compara co que viviu ao regresar a casa. "Estaba case toda a miña familia no portal. Non mo esperaba", recoñece moi emocionado. Non puido abrazalos nin bicalos, pero só velos alí "foi marabilloso" porque engade "eu paseino mal pero para eles foi horrible", ao non poder acompañalo no hospital polas restricións sanitarias.
Aos seus sesenta anos, aprendeu unha lección importante de todo isto. "Hai que vivir, gozar cada momento e aproveitar calquera escusa para estar coa xente á que queres"
A Valentín queda agora por diante unha corentena que, como mínimo, alongarase sete días máis. "Dixéronme que virán do hospital para facerme outra proba", apunta. Ata entón, a súa única compañía será unha das súas tres fillas, coa que convive actualmente.
Sempre quedará a dúbida, iso si, de como puido contraerse o virus. "Non teño nin idea de como o collín ou quen me puido contaxiar", asegura Valentín. El non estivo de viaxe e tampouco a súa xente máis próxima. E tampouco tiña patoloxías previas. "Eu fixen a miña vida normal", explica sobre unha rutina que, a diario, incluía ir ao supermercado ou xogar a partida no bar cos seus amigos.
Valentín conta xa os días para recuperar as rendas da súa vida. Pero, aos seus sesenta anos, aprendeu unha lección importante de todo isto. "Hai que vivir, gozar cada momento e aproveitar calquera escusa para estar coa xente á que queres", afirma desde a súa casa.
"É a única reflexión que me deixa todo isto", sinala antes de despedir a conversación, non sen antes responder a unha última pregunta. Que é o primeiro que fará cando o coronavirus non sexa máis que un mal recordo? "Abrazar á miña familia e darlle un bico a todo mundo". E facer unha gran festa "na que non falte o churrasco". Iso si, cauteloso engade, "cando se poida".
Relacionadas:
-
Menos hospitalizados, un paciente menos na UCI e só un caso activo máis de coronavirus na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
Rafa Domínguez, portavoz do PP local, dá positivo por coronavirus
Por Diego Espiño |
-
Só tres casos activos máis de coronavirus na área sanitaria nas últimas 24 horas
Por Diego Espiño |
-
Pedida de man en pleno confinamento: "Fernando, Eli se quiere casar contigo"
Por Natalia Puga & Diego Torrado |